Queizán Vilas, María Xosé
Escritora. Licenciada en Filosofía e Letras, é unha das mulleres pioneiras do movemento feminista en Galicia. No ámbito político, relacionouse con diversos partidos e agrupacións de carácter político, como a UPG. Colaboradora de diversos medios de comunicación e revistas como La Voz de Galicia e Grial, coordina a revista Festa da palabra silenciada, en que as mulleres son protagonistas. Ligada á Xeración das Festas Minervais, iniciouse no campo da narrativa con A orella no buraco (1965), unha das súas obras máis destacadas e na que se reflicten os principios do nouveau roman. No eido do ensaio, ademais de diferentes estudos sobre literatura galega, publicou A muller en Galicia (1977), Recuperemos as mans (1980), Evidencias (1990), Escrita da certeza (1995), Misoxinia e racismo na poesía de E. Pondal (1998) e Racionalismo político e literario. Conciliar as Ciencias e as Humanidades (2004). Como poeta tirou do prelo Metáfora da metáfora (1991), en que a protagonista é a palabra literaria; Despertar das amantes (1993), Fóra de min (1995) e Non o abras como unha flor (1980-2004) (2004), onde reuniu toda a súa obra poética. Froito da súa actividade teatral é Antígona, a forza do sangue (1991) e como tradutora Fenda, loucura e morte (1999), de varias autoras, e Ana, soror… (2002), de Marguerite Yourcenar. No apartado narrativo escribiu Amantia (1984), en que reivindica a presenza social da muller, A semellanza (1988), onde se analiza o tema da homosexualidade; O segredo da pedra figueira (1989), Amor de tango (1992), en que trata o tema da represión franquista; O solpor da cupletista (1995) e Ten o seu punto a fresca rosa (2000), ademais do volume de relatos Sentinela alerta! (2002), onde analiza a través de diferentes personaxes o que significa a carencia de liberdades.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Vigo