Quesada Porto, Antonio
Pintor. Destinado como funcionario de Facenda en Zamora (1953), nesta cidade comezou a súa carreira como pintor e a súa loita polas liberdades políticas. Durante a súa estancia formou parte da Asociación Zamorana de Bellas Artes e presentouse coa obra Enreixados á Exposición Nacional de Bellas Artes. A comezos da década de 1960 instalouse definitivamente en Vigo. Seguiu mantendo contacto coa súa cidade natal e formou parte dos Artistiñas que se reunían nunha taberna que foi coñecida como O Volter. Con eles realizou viaxes aos países nórdicos e a París, onde difundiu a súa obra. Relacionouse tamén con R. Otero Pedrayo e E. Blanco Amor. En Vigo, participou na Xunta Democrática e nas folgas obreiras e, coa chegada da democracia, abandonou a actividade política. Foi un dos fundadores do Ateneo de Vigo, asesor artístico de Caixanova e membro do padroado do Museo Municipal Quiñones de León. A súa pintura é fundamentalmente paisaxística, feita ao óleo. O seu estilo evolucionou desde a figuración cara á abstracción lirista e idealizada da paisaxe, tanto rural (Árbol, 1972; Paisaje distorsionado, 1983; Pueblo en el páramo, 1985; Paisaje gris, 1999), coma urbana (Burgas II, 1975), sempre carente de presenza humana.
Tendeu a empregar unha paleta de cores atemperadas (Pueblo, 1965; Valle cálido, 1975; Paisaje romántico, 1985) e foi pioneiro na técnica da serigrafía en Galicia. Conseguiu as medias tintas, as gradacións tonais e veladuras en obras baseadas polo debuxo firme. Co seu irmán Heriberto Quesada Porto participou na fundación das revistas Ciudadano e Posible. Recibiu, entre outros galardóns, a terceira medalla na Exposición Nacional de Bellas Artes E. D. de 1962, a Medalla de Prata da I Bienal de Arte de Pontevedra (1970), a Medalla de Bronce da I Trienal Nacional de Bellas Artes de Santiago de Compostela (1971), o Premio Especial da I Bienal Nacional de Pintura de Zamora (1971), a Medalla de Ouro da II Bienal de Pontevedra (1972) e o Gran Premio Tajo da II Bienal Internacional del Tajo de Toledo (1972). A súa obra está presente en diversos museos e institucións de dentro e fóra de Galicia e en Estocolmo.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Ourense -
Falecemento
Lugar : Vigo