Quessada, Xaime

Quessada, Xaime

Artista plástico e escritor. De nome Xaime Quesada Porto, comezou a pintar de neno e iniciou a súa formación na Escola de Artes e Oficios de Ourense. Estudou na Escuela Superior de Bellas Artes de San Fernando en Madrid (1956-1960), cidade onde entrou en contacto co grupo Acento. Obtivo unha bolsa para acudir á escola de paisaxe de El Paular (Segovia) e recibiu a medalla de ouro en paisaxe polas obras Beso e Tierras (1959). Partidario do internacionalismo da arte, empregada como medio de expresión cultural e compromiso social, iniciou, desde a década de 1960, a súa particular busca de novas formas de expresión, en Europa e Norteamérica, que derivaron na mestizaxe estética característica das súas obras. Cubismo, expresionismo, surrealismo, naturalismo, simbolismo, suprematismo, futurismo, orfismo, hiperrealismo ou academicismo foron algúns dos infinitos estilos que aplicou nas súas pinturas, en que predominou unha singular mestura de abstracción e figuración. Traballou o óleo, o pastel (Maternidade en rosa), o fresco, o gravado (serie A nación (e os monstros católicos), 1974-1975), a augada, a acuarela, a augaforte (Imaxe surreal de Galicia, 1972-1976), o linóleo, o muralismo e incluso deseñou vestiario para a firma Roberto Verino e para algunhas pezas teatrais na década de 1990. A súa actividade artística foi parella a un activismo político antifranquista, polo que foi detido en varias ocasións e procesado en Madrid. Integrouse na organización universitaria do Frente de Liberación Popular (FLP) e viviu o Maio do 68 (Protesta (Maio do 68), 1969), actuou en Comisións Obreiras e en Comisións Campesiñas, participou nun encerro contra o Proceso de Burgos (Réquiem no penal de Burgos, 1962-1970) e foi un dos fundadores da Unión do Pobo Galego, que abandonou en 1968 para ingresar ao ano seguinte no Partido Comunista de Galicia. Destes anos son O ditador (1962), Xenocidio (Vietnam) (1964), Réquiem polo Che (1967) e varios gravados para o filme de Carlos Velo As catacumbas do franquismo. De carácter inquieto e imaxinativo, plasmou o dinamismo e a maxia nas súas composicións. En 1971, ao seu regreso de EE UU, engadiulle unha s ao seu apelido para diferenciarse dos seus irmáns, tamén pintores. Nesta nova etapa, un pouco máis sedentaria, realizou obras como Pop-Fición (1973) ou Érguete Galicia (1975), cheas de figuras tratadas cunha gran tenrura, esvaídas, sobre fondos arquitectónicos ou xeométricos. Tamén acentuou a produción de carteis, a propaganda partidista e a ilustración de revistas marxistas. Desta época son as composicións A tortura (1974), a Esfola na Ponte das Pías (1972) ou Chile-Chile. As pinturas da década de 1980 destacaron pola súa iluminación (Máxico, 1990), por un realismo fantástico que concedeu aos seus cadros unha sensación de misterio e de intimismo (A noiva, 1986), empregando con frecuencia os tons superlativos de azuis (Cabalo verde, 1985; O alicornio, 1988). En 1981 pintou un mural anti-OTAN na praza de Armas de Ferrol, promovido polo PCG, no que se aprecia a influencia dimensional do muralismo mexicano e entre 1983 e 1985 asumiu, por encargo dos arquitectos, a decoración de case un km de muro do Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar. Tamén nesta década realizou, por encargo da UNESCO, a ilustración dunha edición políglota de El Quijote. A comezos da década de 1990 encargóuselle a pintura da cúpula do Teatro Principal de Ourense e en 1996 esculpiu, con Acisclo Manzano, O trasno do Barbaña. Tamén realizou murais no Hospital Santa María Madre de Ourense. Desta época destacan Interior vermello (1992), O can azul (1994-1997), de gran perfección compositiva e mestría no uso da cor, con dramatismo intenso, a serie A Música (1995-1997) e a obra pública Homenaje a la II República (2000), instalada en Gijón. Realizou ilustracións para libros, revistas e xornais, e publicou El recristo del Baraña: trágica y singular historia (1981), Lucenza (1989) e El Olvido (2001). Recibiu, entre outros galardóns, o Premio de Composición de Bellas Artes (1959), o Premio Fenorella (1959), a medalla de prata da Cidade da Coruña (1964) e a Medalla Castelao (2004). A súa obra está presente en diversos museos e institucións de dentro e fóra de Galicia

Outorgáronlle o Premio da Crítica Galicia 2008 na categoría de "Ciencias e Artes da Representación" e foi nomeado fillo predilecto da provincia de Ourense a título póstumo (2009).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Ourense

  • Deceso

    Lugar : Vilar de Astrés