Quetzalcóatl

Quetzalcóatl
[MIT/HIST]

Divindade de diversos pobos precolombinos de Mesoamérica como os toltecas, os maias e os aztecas. Normalmente represéntase como unha serpe con plumas, que é o seu significado en náhuatl, acompañado de caracois mariños. En Teotihuacán (100 a C-650 d C) dedicóuselle un templo co nome de Tlaloc (deus da chuvia). Coñecido en Yucatán co nome maia de Kukulkan, representábase con pel branca e barba; segundo a lenda, volvería ao final dun dos períodos de 52 anos, considerados sagrados. Para os aztecas era semellante ao deus creador do mundo, e a miúdo era venerado como o deus do vento, co nome de Ehécatl, o deus da mañá e da tarde, simbolizado polo planeta Venus, ou como o deus da sabedoría, representado coma un home branco con longa barba. A chegada de Hernán Cortés e os seus homes -brancos e con barba- ao final dun período náhuatl (1519) a Tenochtitlán, foi considerado polos pobos sometidos aos aztecas como o retorno do deus, crenza que aproveitaron os conquistadores para vencer os aztecas coa axuda dos inimigos indíxenas.