Quiroga, comarca de

Quiroga, comarca de

Comarca situada no SL da provincia de Lugo, no L da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N coas comarcas de Sarria (concello de Samos) e Os Ancares (concello de Pedrafita do Cebreiro); polo S coas comarcas de Terra de Trives (concellos de San Xoán de Río, A Pobra de Trives e Manzaneda) e Terra de Caldelas (concello de Castro Caldelas); polo L coa comarca de Valdeorras (concellos de Larouco, A Rúa e Vilamartín de Valdeorras) e a provincia de León; e polo O a comarca de Terra de Lemos (concellos da Pobra do Brollón e Monforte de Lemos). Abrangue unha superficie de 578 km2cunha poboación de 7.038 h (2001), distribuída entre os concellos de Folgoso do Courel (192,8 km2; 1.498 h [2001]), Quiroga (317,4 km2; 4.169 h [2001]) e Ribas de Sil (67,8 km2; 1.371 h [2001]). A súa cabeceira comarcal é a vila de Quiroga. Pertence ao partido xudicial de Monforte de Lemos.
Xeografía física
O substrato litolóxico existente na comarca presenta unha gran variedade de rochas, que dan lugar a diversas formacións xeomorfolóxicas. Pódense individualizar tres unidades integradas na paisaxe da comarca. O xogo de bloques elevados e afundidos dálle unha gran particularidade ao relevo que, con dirección xeral NL-SO, amosa unha gran fracturación. Na parte N e O da comarca localízase a área de montaña coñecida como serra do Courel, con varias aliñacións con dirección SL-NO. A parte setentrional do conxunto correspóndese coa serra de Lóuzara e a serra da Trapa, que separa os concellos de Folgoso do Courel e Samos, cunha altitude máxima de 1.494 m. Esta unidade está labrada sobre materiais duros, onde encaixa, dividindo ambas as dúas serras, o río Lóuzara. O val do Lor, labrado sobre terreos máis brandos (lousas e xistos), suca de NL a SO a parte setentrional da comarca. Trátase dunha área afundida, moi afectada pola tectónica, así como pola acción fluvial. As maiores elevacións da serra do Courel son Piapáxaro (1.607 m), Montouto (1.546 m) e Lagoa Grande (1.246 m). Desta serra arrancan numerosos ríos con dirección NL-SO como Quiroga, Soldón e Vilarmel. A serra do Courel toma, na súa parte oriental, coñecida tamén como serra dos Cabalos, unha dirección N-S, cortada por numerosos regatos e afluentes do Sil. O substrato litolóxico é de predominio cuarcítico, aínda que tamén existen lousas e calcarias. A pegada dos glaciares amósase, así mesmo, na existencia dalgúns vales en U e da lagoa de Lucenza, situada a 1.420 m de altura. Ao S desta unidade, o val do Sil aparece como a seguinte área; trátase dunha conca afundida entre as aliñacións do Courel e as situadas ao S. A súa forma irregular parece non seguir ningunha dirección fundamental xa que arrancan desde os límites coa provincia de Ourense, cun trazado L-O, de forma moi angosta, toma posteriormente a N-S, para abrirse logo con outra L-O, onde posúe maior anchura. No seu tramo máis occidental o val volve encaixarse entre os materiais duros. O val está cuberto de materiais do Cuaternario, arxilas e areas que proveñen da erosión do Sil. Pecha polo S da comarca a aliñación dos montes de Cerengo, que culminan a 1.286 m de altitude, facendo fronteira coa provincia de Ourense, con materiais de lousa e algunha crista cuarcítica. A rede fluvial está composta polo río Sil. O resto de ríos aflúen ao Sil dentro e fóra da comarca. Así ocorre co Lor, que nace no concello de Pedrafita do Cebreiro, atravesa de NL a SO Folgoso do Courel e desemboca no Sil facendo fronteira con parte do concello da Pobra do Brollón. O seu caudal vese alimentado no inverno polas precipitacións nivais. Os outros ríos destacados son o Quiroga, o Soldón e o Vilarmel. Tamén salienta o Selmo, que verte as súas augas á conca leonesa do Sil. A comarca de Quiroga goza dun clima oceánico de montaña, pero con matices mediterráneos no val do Sil, que presenta unha situación de abrigo pluviométrico respecto ás masas do O, así como un microclima especial que fai que as temperaturas se eleven de forma considerable. A media anual nas áreas de montaña non soe ser maior de 8-9°C, con invernos fríos (2-3°C) e veráns frescos (15-16°C), mentres que no val do Sil estes valores son completamente diferentes; invernos relativamente suaves (6-7°C) e veráns calorosos (22-23°C), cunha media que se achega aos 13°C. En canto ás precipitacións, na montaña, a pluviosidade é moi elevada (1.500-2.000 mm), en moitos casos en forma de neve no inverno, mentres que no val do Sil, estas descenden fortemente ata os 600 mm. Polo tanto, a aridez estival é unha das constantes neste espazo de val. O mesmo sucede en parte do val do Lor, aínda que a súa maior altitude matiza estes valores. Hai que destacar a gran variedade de especies vexetais existentes en toda a comarca, e, de forma moi especial, na serra do Courel. Este espazo alberga formacións típicas dunha área de transición entre as rexións eurosiberiana e mediterránea, matizada polas elevacións e pola propia configuración litolóxica. Nas áreas máis altas localízanse os bosques tipicamente eurosiberianos con especies coma o carballo, a faia e o bidueiro, en formacións moi densas e cun sotobosque pobre. A media altura están os brezais, mesturados con algunhas especies calcícolas coma aciñeiras, así como alcornoques. Nas áreas máis baixas localízanse os castiñeiros, os freixos e outras especies de tipo mediterráneo (xara e lavanda).
Xeografía humana
Na comarca de Quiroga residían en 2001 un total de 7.038 h, o que amosa unha baixa densidade de poboación (12,17 h/km2), cun poboamento moi escaso e moi influenciado polo relevo. Existen un total de 236 entidades de poboación, a maior parte delas non superan os 100 habitantes, cun poboamento concentrado. Todas estas entidades localízanse preferentemente no fondo dos vales ou a media ladeira. As capitais municipais dos tres concellos e o núcleo de Seoane do Courel son os lugares de maior tamaño. Quiroga é a capital comarcal desde o punto de vista funcional, xa que é o principal centro de servizos e equipamentos deste territorio. A evolución demográfica da comarca mostra un talante totalmente regresivo nos tres concellos. En 1900 o conxunto contaba con 19.069 h, unha cifra moi elevada para un espazo de montaña, pero relativamente escasa comparada con outras áreas próximas. En 1950 o descenso poboacional fíxose notar, con 17.216 h; a comarca sufriu unha forte emigración cara a América. A elevada taxa de natalidade e o crecemento vexetativo de signo positivo frearon este descenso da poboación. Foi a partir de mediados do s XX cando a comarca de Quiroga sufriu os efectos do éxodo rural e en pouco máis de 40 anos a súa poboación viuse reducida a menos da metade. Isto manifestouse na paisaxe rural, onde os cultivos foron paulatinamente abandonados e ocupados por matogueira. Moitas aldeas quedaron baleiras, especialmente as que presentaban maiores condicións de illamento. De toda esta sangueira demográfica só se librou a vila de Quiroga, que viu reforzada a súa centralidade comarcal e incrementado o seu número de habitantes. Esta tendencia moderada pero positiva da vila manifestouse tamén no desenvolvemento urbanístico. A estrutura demográfica resultante non pode ser outra que a elevada porcentaxe de maiores de 65 anos (32,8%), fronte ao 15,2% de menores de 20 anos. A taxa de natalidade en todo o conxunto é de 3,25‰, e a de mortalidade de 15,5‰, que dá un crecemento vexetativo moi negativo (-12,25‰).
Xeografía económica
A comarca de Quiroga, de tradición agraria, presenta unha estrutura laboral moi vinculada á industria e aos servizos. O éxodo rural e o abandono das terras, xunto co crecemento da vila de Quiroga e a posta en marcha das canteiras da comarca, fixeron que o seu sistema produtivo deixase de ter unha dependencia directa do sector primario. Os activos que se empregan no sector primario supoñen o 16,8% da poboación, unha porcentaxe bastante baixa se se compara con outras áreas de montaña. Unha boa parte das explotacións están ocupadas polo cultivo de viñas, especialmente no val do Sil e nos concellos de Quiroga e Ribas de Sil. A produción de viño en Quiroga, da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, subzona de Quiroga-Bibei, é bastante elevada. O mesmo ocorre co olivar que, malia a súa menor superficie, ten a particularidade que en toda a provincia de Lugo tan só se cultiva aquí. A gandaría non é unha actividade moi destacada na comarca. A actividade silvícola ten moita maior presenza, pero viuse un tanto limitada pola protección imposta pola administración rexional ao declarar como espazo protexido a serra do Courel; non obstante, aínda se explotan algúns montes da comarca para a produción de táboas e aglomerados. O sector secundario (41% do emprego) coñeceu nos últimos anos un importante pulo, todo o contrario que outros espazos, onde houbo unha importante redución do emprego. A responsable deste crecemento foi a minaría, que tivo unha gran presenza nos tres concellos, pero de forma especial en Quiroga e Folgoso do Courel, onde se localizan as principais canteiras. A produción de lousa para a exportación é considerable en toda a comarca, xa que, xunto con Valdeorras, é a primeira produtora deste material de Galicia. Polo que respecta á industria, as principais empresas están asociadas á minaría, á transformación de produtos vitícolas e a materiais de construción. Destaca Quiroga como o concello que maior número de empresas posúe. A produción hidroeléctrica tamén xera emprego no sector, coa presenza dos encoros de Sequeiros e Montefurado. En canto ao terciario (42,2% do emprego), a maior concentración de servizos dáse na capital comarcal, Quiroga, centro de intercambios agropecuarios e centro de equipamentos e servizos.
Historia
Os primeiros vestixios arqueolóxicos localizados na comarca son as mámoas megalíticas de Quintá de Lor e Vilar de Lor en Quiroga, e as de Ribas de Sil. Durante a época castrexa os poboadores habitaron, entre outros, os castros de Esperante e de Visuña en Folgoso do Courel ou os de Bendilló, Augas Mestas e Centeais en Quiroga. A historia da comarca estivo moi ligada á explotación aurífera que comezaron os romanos, da que queda como testemuño o túnel de Montefurado en Quiroga e os restos da mina de Peites en Ribas de Sil, ademais dos achados de Folgoso do Courel. A presenza romana constatouse tamén a través dos restos das minas a ceo aberto explotadas mediante o ruina montium en Seoane do Courel, Torre Cabreira e Monte Cido, onde se atopou en 1959 a tessera hospitalis do Courel, unha placa de bronce datada en 28 a C en que se recolle o pacto de hospitalidade que estableceron os pobos indíxenas dos susarros e dos lougueios que habitaban esta área. Estas minas a ceo aberto, escavadas na montaña, precisaban da auga dos leitos fluviais para o proceso de arranque, arrastre e lavado do material, polo que son numerosos os canais escavados no monte para facilitar o seu transporte ata a explotación. Na Idade Media o poder do clero secular impúxose na comarca, sobre todo coa forte influencia de tres mosteiros, o de San Clodio, o de Torbeo e o de Samos, os dous primeiros no actual concello de Ribas de Sil. Durante o s IX algúns monxes do mosteiro de Samos buscaron a protección do futuro Rei Afonso II o Casto ante os ataques do seu tío Aurelio, que reinaba neses momentos, e elixiron para instalarse a aldea de Sobredo, na parroquia de Folgoso do Courel. Por outra banda, o futuro rei recibiu os seus primeiros estudos na igrexa mosteiral de Visonia, a actual Visuña. O Camiño de Santiago na parte meridional da comarca co hospital de peregrinos de Quiroga e os restos de castelos e torres evidencian a intensa vida que se levou a cabo nesta zona durante a Idade Media. A virulencia das Guerras Irmandiñas no s XV tamén se mostra na destrución de varios castelos, como o de Malpica en Ribas de Sil e os de Quiroga. Xa no s XIX a comarca foi protagonista dalgún episodio da Guerra da Independencia e Xoán Ramón Quiroga Uría, o cura de Casoio, capitaneou un exército popular que puxo en xaque ás tropas de Soult en Montefurado. A historia posterior discorreu sen acontecementos destacables. Durante o Antigo Réxime a comarca pertenceu á provincia de Ourense, dividida entre outras, nas xurisdicións de Courel e Visuña. Coa división municipal de 1835 o concello de Ribas de Sil integrouse na provincia de Lugo. Ademais, durante a década de 1970 dúas parroquias de Folgoso do Courel pasaron a pertencer ao concello de Quiroga.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas parroquiais de San Pedro de Esperante, Santa María de Meiraos, San Xoán de Seoane e Santa Eufemia de Visuña en Folgoso do Courel, as de Santa María Madalena da Seara, San Miguel de Montefurado, Santa María de Outeiro e Santa María da Ermida en Quiroga, e as de Santa María de Torbeo e San Clodio de Ribas de Sil no concello de Ribas de Sil. De época altomedieval consérvase o crismón de Quiroga (s V), unha xoia atopada na igrexa de Santa María da Ermida. En Folgoso do Courel localízase o castelo do Corbedo e en Quiroga os dos Novais e o de Sequeiros. Destacan tamén o antigo hospital de peregrinos de Quiroga, os pazos de Carballedo e Lamela, ou o de San Martiño de Abaixo neste mesmo concello, e o pazo de Batanero en Ribas de Sil. Dos espazos naturais da comarca destacan o concello de Ribas do Sil, que pertence ao espazo natural Ancares-Courel, declarado Lugar de Importancia Comunitaria en 2001 dentro da proposta Rede Natura 2000. Das festas que teñen lugar na comarca están as de Nosa Señora da Asunción, San Xoán e a Virxe do Carme en Folgoso do Courel; as de San Martiño, San Bertomeu e a romaría da Virxe dos Remedios en Quiroga; e as de San Clodio e a romaría de Santa María de Torbeo en Ribas de Sil. Tamén se celebran festas gastronómicas como a Feira do Viño e a Mostra do Mel do Val, ambas as dúas en Quiroga.