Quiroga Palacios, Fernando

Quiroga Palacios, Fernando

Eclesiástico. Formouse no Seminario de Ourense e ordenouse sacerdote en 1922. Foi ecónomo da parroquia de Santiago de Campobecerros en Castrelo do Val (1922-1923) e coadxutor na parroquia de Santa Eufemia a Real do Norte en Ourense (1923-1925). Doutorouse en Teoloxía na Universidade Pontificia de Santiago (1925) e licenciouse en Sagradas Escrituras no Pontificio Istituto Biblico de Roma (1928). Durante a súa estancia en Ourense, foi ecónomo da parroquia de Santa María de Razamonde (Cenlle), profesor e director espiritual do seminario, ecónomo e despois párroco de Santa Eufemia a Real do Norte e consiliario da Acción Católica. Formou parte dos movementos culturais galeguistas xunto con V. Risco, F. L. Cuevillas, R. Otero Pedrayo, X. Lourenzo e X. Ferro Couselo. Co pseudónimo de F. Pazos publicou varios artigos en galego na revista Logos. Fundou a folla Verdad y Vida, de temátiva relixiosa, escrita en castelán pero con entradas en galego. Foi cóengo lectoral da catedral de Valladolid (1942), ademais de profesor e director espiritual do seminario metropolitano. Bispo de Mondoñedo (1945-1949), iniciou as obras de remodelación do seminario. Nomeado arcebispo de Santiago de Compostela (1949-1971) e cardeal coa titularidade de Santo Agostiño (1952), foi legado pontificio en Filipinas (1952) e membro do Concilio Vaticano II. Foi o primeiro presidente da Conferencia Episcopal Española (1966-1969). Destacou polo seu labor pastoral e evanxelizador, integrando nesta tarefa a sacerdotes, relixiosos e leigos, convocou o Concilio Pastoral de Galicia, impulsou as peregrinacións xacobeas e preocupouse polas clases menos favorecidas, fomentando a creación de vivendas sociais e o cooperativismo agrario. Promoveu a construción e restauración na arquidiocese compostelá, mandou facer de nova planta o seminario menor da Asunción de Belvií, restaurou o seminario maior de San Martiño, concluíu a casa de exercicios, creou a casa sacerdotal, erixiu 21 parroquias e consagrou máis de 50 templos. Continuou as escavacións na catedral, co descubrimento da tumba do bispo Teodomiro, e creou o Centro de Estudios Xacobeos e a revista Compostellanum. Impulsor da liturxia en lingua vernácula, aprobou O Misal Galego, editado en 1968, e oficiou a primeira misa en galego o 15 de xullo de 1971, na colexiata de Santa María de Iria Flavia. Foi académico de honra da Real Academia Galega.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Maceda

  • Deceso

    Lugar : Madrid