Rábade Paredes, Xesús
Escritor e profesor. Membro do grupo poético Cravo Fondo e cofundador do PEN Club de Galicia, colabora en diversas publicacións periódicas, como o Boletín Galego de Literatura, Dorna e Follas Secas con artigos sobre temas literarios e lingüísticos. Na súa obra poética, en que a paisaxe galega é un dos elementos centrais, abundan os trazos intimistas e pesimistas, xunto con algúns elementos eróticos. Publicou os poemarios Xuntos cara ao mañán (1969), Sangue na paisaxe (1980, Premio Manuel Antonio), No aló de nós (1981, Premio Galicia), en colaboración con H. Villar Janeiro; Matria de sombra (1987), Poldros de música (1993, XIII Premio Esquío) e Os dedos dos loureiros (2000); no apartado de literatura infantil, tamén con H. Villar, Contos de nós e da xente (1975) e O libro de María (1984); as novelas Morrer en Vilaquinte (1980, Premio Galicia), en colaboración con H. Villar; Branca de Loboso (1991) e Como levar un morto (2001), a tradución de Mazurca para dous mortos (1999), de Camilo J. Cela, e diversos ensaios, como Xosé Neira Vilas e Xente no rodicio (1992) e A vida de Manuel Murguía (2000).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Seixas, Cospeito