racismo
(< raza)
Doutrina que propugna a desigualdade das razas humanas e en virtude da cal se xustifica que certas razas ou culturas sexan sometidas a explotación económica, segregación racial ou mesmo destrución física. É unha forma activa de etnocentrismo. Algúns autores británicos, como R. Kipling, defenderon o destino das nacións de Occidente como potencias civilizadoras, nunha concepción eurocéntrica e colonial do mundo. En Francia, Henri de Boulainvilliers foi o iniciador da formulación teórica do racismo, ao intentar demostrar que a nobreza procedía da raza dominante dos francos. Máis tarde, J. A. Gobineau defendeu que a raza branca era superior a todas e que dentro dela, a súa rama máis pura era a aria; estas teses influíron no nacionalsocialismo alemán. O racismo implicou nalgúns estados africanos a completa eliminación física de tribos inimigas da tribo gobernante e na República Sudafricana o apartheid (1948-1991). En EE UU xurdiu no s XIX nos estados sudistas, nos que a monocultura do algodón implicaba a utilización dunha gran cantidade de escravos negros como man de obra e pervive con virulencia nos lugares onde a minoría branca cre que pode ser desprazada pola maioría de cor; na década de 1960, algúns movementos, como o Black Power, iniciaron a defensa dos dereitos da poboación negra como resposta á discriminación. En Europa pódense atopar aínda formas de racismo, especialmente en relación a traballadores provenientes do Mediterráneo e o norte de África, e cara á raza xitana.