2 raia
(
-
[ANIMAL/ICT]
-
s
f
Nome de diversos peixes da familia dos raíidos que pertencen principalmente ao xénero Raja. Teñen o corpo en forma de disco, a cola máis ou menos fina, medianamente longa e con dúas pequenas aletas dorsais próximas ao extremo, a aleta caudal reducida, o dorso con espiñas ou protuberancia dorsal, a boca cunha serie de placas dentarias ou pequenos dentes afiados, e o rostro curto ou longo segundo as especies. Son ovíparas, habitan en fondos areosos e aliméntanse doutros peixes e crustáceos. Nas augas interiores ou próximas ás costas galegas podemos atopar máis dunha ducia de especies diferentes. Ademais das especies coñecidas polo seu nome común, en Galicia poden atoparse as especies R. brachyura, de ata 1 m de lonxitude, e con aspecto de disco cuadrangular e fociño pouco saínte; R. microocellata, de ata 85 cm de lonxitude, con forma cuadrangular e fociño pouco saínte; R. circularis, que pode chagar a medir 1,20 m de lonxitude, con aspecto de disco arredondado e o fociño lixeiramente aguzado; e R. undulata, de ata 1,20 m de lonxitude e con forma arredondada e o fociño pouco prominente.
-
raia alba/branca [port: raia tairoga; cast: raya bramante; ingl: white skate] [Raja alba, Fam dos raíidos]
Peixe cartilaxinoso que pode acadar os 2 m de lonxitude total, co fociño moi alongado e en punta, o disco cos ángulos laterais agudos e os lados dianteiros ondulados, e a cola con tres series de espiñas. Os exemplares máis novos teñen a parte inferior da cola de cor negra e a parte superior lisa, e os maiores denticulada, agás a parte media. A coloración do manto é clara con pequenos puntos escuros, a parte inferior esbrancuxada, cos lados posteriores do disco e da cola escuros. É unha especie bentónica que se pode atopar ata unha profundidade de 500 m e que se alimenta de animais do fondo.
-
raia bicuda [port: raia bicuda; cast: raya picuda; ingl: longnose skate]
Nome que reciben diversas especies de raia de gran tamaño, principalmente R. oxyrinchus e R. batis. A especie R. oxyrinchus pode medir ata 1,50 m, e ten un fociño longo e aguzado, e o disco cos lados dianteiros cóncavos e os ángulos laterais moi agudos. A parte superior e de cor gris escura ou acastañada con pequenas manchas claras, mentres que a parte inferior é escura con puntos tamén escuros. Atópase en fondos arredor dos 300 m de profundidade. R. batis pode medir máis de 2 m de lonxitude e ter un aspecto de disco rómbico, co fociño alongado e agudo e cunha coloración gris ou sepia con manchiñas na cara superior e clara na cara inferior. Vive nos fondos de entre 100 e 200 m.
Sinónimos: adramán. -
raia catro ollos [port: raia de quatro olhos; cast: raya de espejos; ingl: brown ray] [Raja miraletus, Fam dos raíidos]
Peixe cartilaxinoso, de ata 80 cm de lonxitude, aspecto rómbico con fociño curto e lixeiramente agudo. Presenta tres filas de pequenas espiñas nos machos, e cinco nas femias ao longo da cola. A coloración dorsal é parda olivácea con dous ocelos rechamantes de cor azulada e halo amarelado. É unha especie bentónica que habita a uns 100 m de profundidade e se alimenta principalmente de crustáceos.
-
raia cravuda/común [port: raia lenga; cast: raya de clavos; ingl: thornback skate] [Raja clavata, Fam dos raídos]
Peixe cartilaxinoso de menos de 1 m de lonxitude, co disco romboidal, máis largo ca longo, cos lados dianteiros lixeiramente ondulados, o fociño obtuso e algo saínte. As aletas dorsais están claramente separadas unha da outra, cunha ou dúas espiñas entre elas. Atópanse nas costas galegas a profundidades de ata 200 m. Aliméntase de crustáceos e peixes pequenos.
Sinónimos: cascuda. -
raia estrelada [port: raia pintada; cast: raya estrellada; ingl: starry ray] [Raja asterias, Fam dos raíidos]
Peixe cartilaxinoso de ata 75 cm de lonxitude, con aspecto de disco rómbico cos bordos algo ondulados e o fociño pouco sobresaínte. Na parte superior do disco ten unha serie de aguillóns que xeralmente chegan ata o centro do mesmo, e a ambos lados da cola pode ter unha ringleira de aguillóns que se unen posteriormente. A cor da parte superior é de diversos tons castaños, con pequenas manchas escuras. Habita en fondos de ata 120 m profundidade, e aliméntase de todo tipo de animais bentónicos.
-
raia marmórea [port: raia curva; cast: raya mosaica; ingl: undulate ray] [Raja undulata, Fam dos raíidos]
Peixe cartilaxinoso de ata 120 cm de lonxitude total, con aspecto de disco arredondado cos bordos dianteiros ondulados. Posúe un fociño obtuso e pouco sobresaínte. A parte superior do disco presenta gran cantidade de dentículos distribuídos por todo o disco ou só pola parte dianteira, mentres que a parte inferior é lisa, agás na parte dianteira. As aletas dorsais están bastante separadas, e a caudal e dun tamaño moi reducido. Amosa, pola parte superior, cor acastañada ou cinsenta con bandas escuras e onduladas, e con numerosos puntos brancos. A parte inferior é clara, coa cola de cor cinsenta. Habita en fondos de ata 200 m de profundidade, preferentemente areosos, onde se alimenta de toda clase de animais.
-
raia pintada [port: raia manchada; cast: raya pintada; ingl: spotted ray] [Raja montagui, Fam dos raíidos]
Peixe cartilaxinoso que pode acadar os 75 cm de lonxitude total, aspecto de disco cuadrangular cos lados dianteiros ondeados, co fociño obtuso e algo saínte. A parte superior do disco é moi denticulada, mentres que a inferior apenas o está. Presenta coloración castaña alaranxada ou gris con puntiños moi escuros que deixan libres os bordos das aletas. Vive nos fondos a uns 100 m de profundidade e aliméntase de crustáceos.
-
raia santiaguesa [port: raia de dois olhos; cast: raya santiaguesa; ingl: cuckoo ray] [Raja naevus, Fam dos raíidos]
Peixe cartilaxinoso que pode acadar os 70 cm de lonxitude, con aspecto de disco arredondado polos lados. Presenta case toda a parte superior denticulada, sobre todo o fociño. A cola ten dúas ringleiras de espiñas. A parte superior do corpo é de cor castaña con manchas claras, e con puntos tras os ollos. Habita en fondos de entre 100 e 300 m de profundidade, alimentándose de todo tipo de animais.
Sinónimos: estruga.
-
s
f
-
s
f
raia tembladeira
[ANIMAL/ICT]
tremedeira xaspeada.