Recife

Recife

Capital do estado de Pernambuco, Brasil (1.421.947 h [2000]). Está situada na costa atlántica, nunha chaira aluvial, na desembocadura dos ríos Capiberibe e Beribe. É un importante porto de mar, cunha gran barreira de coral que dá nome á cidade. Posúe industrias químicas, téxtiles, de calzado, de papel e de tabaco. Fundada en 1526 por colonos portugueses, medrou notablemente coa economía azucreira e sobre todo cando os holandeses ocuparon Pernambuco (1624) e decretaron a liberdade de comercio (1634). Os portugueses reconquistárona en 1654, pero atopouse coa competencia de Olinda, capital interina de Pernambuco. En 1710 estalou a guerra civil, que acabou coa intervención da coroa. Sede de numerosas revoltas durante o s XIX, a decadencia azucreira enfrontouna cos núcleos azucreiros do centro e do S de Brasil. Denominouse tamén Pernambuco.