Reconquista

Reconquista

Período da historia de España en que se produciu a conquista por parte dos reinos cristiáns dos territorios que foran invadidos polos musulmáns a comezos do s VIII. Tómase como data inicial a de 722, cando se produciu a Batalla de Covadonga, e como final a de 1492, coa conquista de Granada polos Reis Católicos. O termo fai alusión ao progresivo avance territorial dos reinos cristiáns do N que expandieron os seus dominios cara ao S en detrimento dos estados musulmáns, ata a súa total desaparición. A historiografía tradicional presentouna como unha cruzada contra os musulmáns, pero o aspecto relixioso non comezou a estar presente ata o s XI, cando houbo concesións papais dos beneficios de cruzada a quen se comprometese a liberar o territorio. Neste proceso interviron factores demográficos, económicos, sociais e políticos e está estreitamente vinculado á repoboación e formación dos reinos cristiáns que rematou coa unificación territorial dos Reis Católicos. Comezou no N peninsular, onde se refuxiaran estamentos privilexiados da nobreza visigoda que, xunto cos pobos cántabros e co apoio da Igrexa, crearon un reino a imitación do reino visigodo de Toledo, o Reino de Asturias. Ao longo dos ss VIII e X este reino expandiuse máis alá da cordilleira Cantábrica, ocupou e repobou o val do Douro e trasladou a capital de Oviedo a León. De xeito paralelo, os territorios máis orientais comezaron un proceso similar, e desde o s XI o territorio cristián estivo dividido entre os reinos de León, Navarra. Aragón e os condados cataláns. Nos ss XI e XII a debilidade dos reinos de taifas permitiu que estes estados cristiáns ocupasen os vales do Ebro e o Tajo. Ademais, durante estes séculos producíronse unións e desunións entre os diferentes reinos cristiáns: o condado de Castela independizouse do Reino de León en 1037 e deu lugar ao Reino de Castela, que volveu unirse a León en 1072 e separouse novamente entre 1157 e 1230, data da unión definitiva e a conformación da Coroa de Castela, que dirixiu a reconquista e repoboación ao longo do s XIII. Navarra, despois de ostentar a hexemonía na Península Ibérica con Sancho III (1000-1035), desapareceu como reino independente á morte de Sancho IV (1076) e o seu territorio dividiuse entre León e Aragón. A morte de Afonso I de Aragón en 1134 supuxo a reaparición do Reino de Navarra que a Coroa de Castela anexionou en 1515. O Condado Portucalense converteuse no Reino de Portugal con Afonso I Henriques (1139-1185). No s XII, a unión do Reino de Aragón e os condados cataláns formou a Coroa de Aragón, que tivo no século seguinte a súa expansión, sobre todo a partir do reinado de Xaime I coa conquista das Illes Balears e do Reino de València. Ao longo do s XIII estes reinos estenderon a fronteira aos vales do Guadiana, Guadalquivir, Turia, Júcar e Segura, de tal xeito que o territorio musulmán quedou reducido ao Reino de Granada, conquistado en 1492 pola Coroa de Castela. Desde entón, o territorio da Península Ibérica permaneceu dividido entre o Reino de Portugal e as coroas de Castela e Aragón, unidas dinasticamente cos Reis Católicos.
A Reconquista en Galicia
Entre os ss VIII e XI os territorios galaicos sufriron os ataques dos musulmáns, en forma de incursións, coa finalidade de obter botín, pero a presenza árabe non supuxo para Galicia unha ruptura coa situación anterior. Afonso I (739-757) realizou campañas cara ao S e o seu sucesor, Froila I (757-768), enfrontouse e venceu os exércitos de ‘Abd al-Ra ḥ mān I en Galicia e o Douro. Con Afonso II (791-842) consolidouse o Reino Astur fronte a Al-Andalus e reivindicouse a autonomía da Igrexa respecto do poder mozárabe de Toledo. Durante o seu reinado loitou varias veces contra Córdoba e nas operacións militares contra os dous exércitos musulmáns que tentaron invadir Galicia, un polo S, ao mando de Mälik, rexeitado na Batalla de Anceu (825), e outro polo L, mandado por Alhabbez e derrotado en Naharón (821). Tivo que facer fronte a ‘Abd al-Ra ḥ mān II, que atacou novamente Araba e Galicia (824) e, por último, favoreceu ao bérber Ma ḥ mūd, caudillo árabe rebelado contra Abd al-Ra ḥ mān II, ao que lle outorgou terras en Sarria. Con Ordoño I (850-866) produciuse a mítica Batalla de Clavijo (859), en que venceu grazas á intercesión do Apóstolo Santiago. Afonso III (866-910) levou a cabo diversas expedicións militares cara ao S e reconquistou o N de Portugal, primeiro ocupou o territorio entre o Miño e o Douro, e despois entre o Douro e o Mondego. A repoboación foi obra dos nobres e desde entón o territorio galego non sufriu acometidas musulmáns.