regueifa

regueifa

(<ár ar-ragîfa)

  1. s f [ALIM]

    Bola de pan feita con trigo, ovos, caramelo, azucre e outros ingredientes, que se elaboraba para o xantar da voda. Posteriormente, adornábase con fitas de cores, froitas confeitadas, tiras de papel e outro tipo de adobíos.

  2. s f [MÚS]
    1. Baile tradicional galego que se acompaña con música de muiñeira. É un baile de voda en que a noiva ou a madriña coloca sobre a cabeza unha bola de pan adornada (regueifa), que despois do baile se reparte entre os convidados. Caracterízase pola forma lenta de bailar da muller, á que non lle pode caer a bola de pan da cabeza. O home, mentres, executa os puntos máis vistosos que coñece e compite con outros bailadores para conseguir a regueifa e repartila.

    2. Modalidade de canto tradicional galego composto pola sucesión de coplas de desafío ou de loanza. Toma o nome, igual ca o baile, da bola de pan que se repartía na celebración da voda. Despois do xantar nupcial tiña lugar o baile e logo algúns convidados lanzaban coplas improvisadas en que se referían ás virtudes dos noivos ou dos padriños, e tamén introducían críticas contra algún dos amigos ou familiares. Esta iniciativa era contestada por outro cantante que respondía con outra copla e así se establecía a regueifa, de forma alternativa, entre dous bandos. Ao final gañaba aquel que era máis enxeñoso e que conseguía responder a todas as coplas sen quedar en branco. As coplas de regueifa adoitan estar compostas por estrofas de catro versos octosílabos con rima consonante nos pares. A melodía é variable, pero existen unha serie de esquemas melódicos comúns en toda Galicia. Esta modalidade de canto conservouse sobre todo na zona litoral, especialmente en Bergantiños. Na zona interior de Galicia denomínanse brindeiros os cantantes deste tipo de coplas.

  3. s f

    Discusión ou enfrontamento entre dúas ou máis persoas.

Palabras veciñas

regresivo -va | regreso | regreta | regueifa | Regueifa, A | Regueifa, A | regueifeiro -ra