Reino Unido

Reino Unido
Nome científico: [nome oficial: Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte; ingl: United Kingdom of Great Britain and Northern Ireland]

Estado insular do NO de Europa, situado no Océano Atlántico (242.910 km2; 58.789.000 [2001]). Comprende a illa de Gran Bretaña, formada por Inglaterra, Escocia e Gales; Irlanda do Norte e as illas Shetland, Hébridas, Orcadas e as do SO de Escocia. A illa de Gran Bretaña está bañada ao N e ao SO polo Océano Atlántico, ao O polo mar de Irlanda, ao S polo canal da Mancha e ao L polo mar do Norte. Irlanda do Norte limita ao O e ao S coa República de Irlanda. A súa capital é Londres. A illa de Man e as illas Anglonormandas son dependencias da coroa británica pero non pertencen ao Reino Unido. Exerce a soberanía en Anguila, as Bermudas, as illas Caimán, as Malvinas, Montserrat, as illas Pitcairn e as súas dependencias, Saint Helena e as súas dependencias, o Territorio Antártico Británico, o Territorio Británico do Océano índico, as illas Turks e Caicos, as illas Virxes Británicas, Xeorxia do Sur e as illas Sandwich do Sur e Xibraltar.
Xeografía física

Relevo e xeoloxía
As illas Británicas forman o extremo occidental da ampla plataforma continental do NO de Europa. Unidas ao continente ata épocas xeolóxicas recentes, son estruturalmente unha parte de Europa. No transcurso de diversas eras xeolóxicas o relevo foi afectado polos mesmos dobramentos ca o continente, polo que se formaron sistemas montañosos comúns. Como consecuencia do dobramento alpino, que afectou ás rochas recentes do SL de Inglaterra, tiveron lugar unha serie de levantamentos e afundimentos de bloques que transformaron en illas vastas extensións do NO do continente europeo e que formaron o arquipélago británico, separándoo do continente polo canal da Mancha. Gran Bretaña presenta unha gran variedade de relevo que se pode dividir en dúas partes separadas por unha liña que vai desde a desembocadura do río Exe, ao SO, ata a do Tyne, ao L. O N e o O desta liña están constituídos polos macizos antigos de rochas duras separadas por rexións chás, dos que se distinguen os Highlands en Escocia, a cadea Penina e as montañas de Gales e Cornualla. O glaciarismo cuaternario afectou a toda esta zona, deixando profundos vales, sobre todo no N. O S e o L desta liña están formados por unha ampla cunca sedimentaria de materiais brandos que alternan cos duros formando relevos en cuesta. As costas son xeralmente baixas ao L con chairas aluviais e pantanosas, ao SL están marcadas por cantís de rochas calcarias que alternan con baías areosas, ao O son rochosas e alternan con baías areosas e en Escocia son recortadas con profundos entrantes de orixe glaciaria. En Irlanda do Norte os macizos son graníticos.
Climatoloxía e hidroloxía
A posición insular e a influencia dos ventos oceánicos do SO son os principais factores climáticos. A pesar da latitude, o clima é oceánico temperado debido ao influxo da corrente cálida do Atlántico Norte. En Irlanda do Norte o clima é oceánico hiperhúmido e as temperaturas son moderadas con pouca oscilación térmica. En inverno, o O é máis temperado ca o L, e as isotermas de xaneiro seguen un trazado de N a S: na costa occidental a media é de 4°C cun máximo de 7°C nas illas Scilly, no SL, mentres que na costa oriental a media é de 3°C. As isotermas de verán seguen un trazado horizontal: a metade sur de Inglaterra e as costas de Gales teñen unha media en xullo de 16-17°C, mentres que ao N de Escocia e nas illas Shetland a media é de 13°C. As precipitacións son abundantes e regulares, máis acusadas no O, pola súa exposición aos ventos do océano e pola súa orografía, con 2.000 mm anuais en Gales, un máximo de 4.000 mm nos Highlands e entre 1.000 e 2.000 mm no resto; nas rexións central e oriental as precipitacións atópanse entre os 500 mm e os 700 mm anuais. O L de Irlanda do Norte acada precipitacións entre 700 e 1.000 mm, mentres que cara ao O estas poden aumentar ata os 2.000 mm anuais. As néboas son frecuentes, densas en inverno, e a insolación escasa, de 1.500 a 1.700 horas de sol ao ano. A abundancia das precipitacións condiciona a existencia dunha extensa rede hidrográfica e os ríos, non moi caudalosos, son de réxime regular e con enchentes moderadas. Pola disposición do relevo, a divisoria de augas é paralela á costa occidental. Os ríos da vertente occidental son en xeral curtos e de caracter torrencial. Os de maior lonxitude son o Severn e o Clyde; mentres que os da vertente oriental son máis longos e dun réxime máis regular, dos que destacan o Támesis, o Ouse, o Trent, o Tyne, o Tees, o Tweed, o Forth e o Tay. En Irlanda do Norte a rede hidrográfica concéntrase ao redor de Lough Neagh. Os lagos abundan máis en Escocia e Gales que en Inglaterra.
Vexetación
A vexetación eurosiberiana ten carácter atlántico na maior parte do territorio, aínda que as terras do N teñen influencias boreais. Nun estado natural case todo o territorio debería estar cuberto de bosques de folla caduca, como carballos, faias e freixos. Só nas montañas de Escocia predomina o piñeiro silvestre. A landa e as turbeiras constitúen a vexetación de alta montaña. A forte deforestación que se produciu nos séculos pasados fixo que a paisaxe de bosque sexa pouco abundante en todo o país. As grandes extensións están ocupadas por prados, pastos, landas e turbeiras.
Xeografía económica

Sector primario
A agricultura ten unha escasa importancia dentro da economía británica debido ao seu abandono en favor da industria e a utilización de solos fértiles para instalacións industriais e aproveitamentos urbanos. A pesar de que a poboación dedicada á agricultura é moi pequena, grazas á mecanización, á utilización de fertilizantes químicos e de técnicas modernas, a produción aumentou a un ritmo superior ao doutros países. Predomina a media e a grande propiedade, de explotación indirecta a través de parceiros. A produción de cereais é suficiente para satisfacer o mercado interno, e destaca a de trigo, orxo e cebada. Tamén teñen importancia outros cultivos como a pataca, a remolacha azucreira, as hortalizas, os legumes, a froita, as forraxes, a colza e o lúpulo. Os pastos e os prados ocupan o 45,3% da superficie total e reúnen excelentes condicións para a cría de gando bovino e ovino, dedicado este máis á produción de carne ca a de la. A cría de cabalos diminuíu pero mantén un prestixio de calidade e o porcino e as aves de curral críanse de maneira intensiva. Os bosques, malia intensa repoboación dos últimos anos só ocupan o 10,4% da superficie total, pero fornecen a industria da madeira e do papel. A escasa profundidade dos mares e a existencia dunha plataforma que non adoita aflorar na agua ofrece óptimas condicións para a pesca. Destaca sobre todo a pesca do arenque no mar do Norte e a de bacallau, aínda que non cobre a demanda interna.
Minaría
O subsolo é moi rico en hulla, da que posúe importantes reservas que poden ser explotadas aínda durante varios séculos. Pero a súa extracción, aínda que é moi apropiada para a produción de enerxía térmica, tende a diminuír, debido principalmente á competencia do petróleo e do gas natural, á falta de man de obra e aos altos custes da extracción. As principais cuncas hulleiras atópanse ao pé dos sectores montañosos dos antigos condados ingleses de York, Nottingham, Durham, Northumberland, Lancashire, Stafford e Warwick, no centro de Escocia e no SL de Gales. Unha das fontes de extracción máis importantes da primeira metade do s XIX foi o ferro, pero estas reservas están case esgotadas dada a forte demanda da industria siderúrxica. Os principais xacementos atópanse asociados aos do carbón en Cumberland, York e o N de Lancashire. Os grandes xacementos de petróleo e gas natural descubríronse en 1970 na plataforma continental do mar do Norte e cambiaron radicalmente o panorama enerxético. O petróleo provén dos xacementos submarinos de Strattford, Forties, Brent, Ninian, Piper e outros, aínda que en 1993 se descubriron novas reservas no O das illas Shetland. As minas de chumbo, estaño e zinc están practicamente esgotadas, como tamén as de tungsteno, cobre e arxento, pero ten maior importancia a extracción de minerais non metálicos, como sal común, potasio, talco e flúor. A produción de enerxía eléctrica é unha das máis elevadas do mundo e provén de centrais térmicas, que utilizan máis produtos petrolíferos ca carbón.
Industria
A partir da Revolución Industrial creáronse áreas industriais preto dos xacementos hulleiros, cunha marcada tendencia á especialización. Coa aparición da electricidade a finais do s XIX foi posible o establecemento dun considerable número de industrias lixeiras en áreas afastadas dos xacementos carboníferos. Con motivo e a partir da Gran Depresión de 1929-1930, aproximadamente a metade das novas fábricas establecéronse na área do Gran Londres e as rexións industriais tradicionais convertéronse en áreas deprimidas, mentres que o Gran Londres, Birmingham, Coventry, Oxford, e outras áreas creceron a partir delas. Despois da Segunda Guerra Mundial as novas e as antigas industrias prosperaron cunha clara tendencia á diversificación. A industria manufactureira é, despois dos servizos, a fonte máis importante de ingresos. Os antigos centros siderúrxicos desapareceron coa creación doutros que teñen máis facilidades para a exportación e importación, concentrados en Middlesbrough, no S de Gales, Lincoln, Sheffield, Escocia, Lancashire e Flint. No campo da metalúrxica, destaca a alumina, a metalurxia do aluminio, a do zinc, a do chumbo e a do cobre. A industria mecánica absorbe 2/3 do aceiro británico e ocupa aproximadamente un millón de traballadores. Na industria do automóbil Reino Unido é un gran produtor de turismos e de utilitarios. Outros sectores desenvolvidos son os de materiais ferroviarios, maquinaria diversa, agrícola e aeronáutica. A construción naval céntrase no esteiro do Clyde, en Escocia. Teñen unha grande expansión as industrias produtoras de bens de consumo, como eléctrodomésticos, radios, televisións e outros aparatos de telecomunicacións. A industria téxtil foi a principal fonte de riqueza, pero a competencia exterior e a necesidade de importar algodón, seda, liño e la fixo que se abandonase a produción de base. Os principais centros algodoeiros son Lancashire e o val do Clyde. Os núcleos de la concéntranse en Yorkshire-West Riding e en Londres, que é o principal mercado de la do mundo. A industria do liño ten o centro principal en Irlanda do Norte e a do calzado en Rosendale Valley, Leicester e Norwich. A industria do xute concéntrase en Dundee, a da seda en Nottingham e Leicester e a de fibras artificiais e sintéticas en Midlands. As principais empresar da confección localízanse en Londres, Leeds e Manchester. A industria química experimentou unha rápida expansión pola introdución de materiais plásticos e de resinas sintéticas, e os principais centros son Glasgow, Newcastle, Birmingham e Aberdeen. Tamén son importantes a industria do caucho e a atómica, en Harwell, Amershan e Cluham. A industria alimentaria está moi especializada e destacan principalemente a produción de whisky e de cervexa.
Transportes e comunicacións
Reino Unido posúe a rede ferroviaria máis antiga do mundo, unha das máis densas e activas, pero desde 1960 o transporte por estrada, xa sexa para pasaxeiros ou para mercadorías, é moito máis utilizado ca outros tipos de transporte. En 1993 a rede ferroviaria foi reestruturada e privatizada e, desde 1994, coa apertura do túnel baixo o canal da Mancha, conecta coa do continente europeo. A rede de canais e de ríos navegables é moi extensa pero arcaica, e o transporte de mercadorías é importante nos ríos Támesis e Ouse e, especialmente, no canal marítimo de Manchester ao esteiro de Mersey. A mariña mercante segue destacando polas súas innovacións tecnolóxicas. Os grandes portos despois do de Londres están no esteiro do Tees, Manchester (grazas ao Manchester Ship Canal), Southampton, Milford Haven (petroleiro), no esteiro do Forth (petroleiro) e Grimsby-Immingham. Dover é un dos principais portos de pasaxeiros do mundo. Os principais aeroportos son os de Londres (Heathrow e Gatwick), Manchester e Glasgow.
Comercio exterior
Das importacións destacan as manufacturas (maquinaria e material de transporte, produtos químicos, papel e instrumental científico e de precisión), seguidas de petróleo, gas natural, minerais metálicos, madeira, alimentos como froita, hortalizas, carne e preparados, té, cacao e café. As exportacións consisten en produtos petrolíferos, químicos, téxtiles, maquinaria, vehículos e instrumental científico e de precisión. Os principais proveedores son Alemaña, EE UU, Países Baixos, Francia, Italia, Bélxica e Xapón, e os principais clientes son EE UU, Alemaña, Francia, Países Baixos, Irlanda e Bélxica. Tamén é importante o comercio cos países da Commonwealth.
O sistema financeiro
Reino Unido é un centro financeiro mundial de grande importancia. Londres é sede das grandes compañías aseguradoras (Lloyd’s e, especialmente, o Lloyd’s Register of Shipping, que asegura os barcos mercantes) e dunha bolsa que fixa os prezos mundiais de moitos produtos (máis que a bolsa de valores, a de mercancías o Stock Exchangue): carne de cordeiro, cacao e outros produtos agrícolas; la, xute e outra fibras; cobre, estaño, ouro e outros metais; diamantes e petróleo en mercado libre (agás o da OPEP e o ruso). O sistema fiscal británico é moi progresivo e os impostos directos sobre a renda son tan importantes como os impostos sobre o gasto. Fundamental no sistema financeiro é o Banco de Inglaterra, encargado de poñer en práctica a política monetaria do goberno, utilizando instrumentos convencionais, como a taxa de redesconto, operacións de mercado aberto, coeficientes de garantía e caixa, emisión de moeda de curso legal e outras. A banca ten unha estrutura oligopolística e destacan os catro grandes bancos, Barclays, Midland, Lloyds e National Westminster, que dominan o mercado. Xunto a eles atópanse máis de cincocentas institucións, algunhas con máis dun século de antigüidade. Reino Unido decidiu non entrar no primeiro grupo de países participantes na Unión Económica e Monetaria europea e non adoptou o euro como moeda nacional, reservándose a posibilidade de decidir a súa integración nun segundo momento.
Xeografía humana
Reino Unido é un dos países máis poboados de Europa, cunha densidade de 242 hab/km2 (2001). Como consecuencia da Revolución Industrial, experimentou un crecemento do 95% durante a primeira metade do século XIX e do 78% durante a segunda. Ao longo do s XX o aumento da poboación foi continuado, aínda que moito máis lento a causa da emigración e do descenso do crecemento vexetativo. Aínda que existen diferenzas internas, no período 2000-2005 o crecemento anual de Reino Unido foi do 0,3%. A diminución, ao longo de todo o s XX, da natalidade (11,4‰ en 2000) e da mortalidade (10,3‰ en 2000) provocou un progresivo envellecemento da poboación. Por grupos de idade, en 2001, o 7,5% da poboación tiña unha idade superior aos 75 anos, fronte ao 20,2% do grupo de 0 a 15 anos e o 72,3% do grupo de 16 a 74 anos. Aínda que no pasado a emigración foi favorecida polo goberno co fin de poboar as colonias e desconxestionar o país, hai numerosos inmigrantes, procedentes moitos deles dos países da Commonwealth. Reino Unido foi o primeiro estado en coñecer o fenómeno da urbanización como resultado da Revolución Industrial e converteuse progresivamente nun país urbano, de aí que a poboación urbana represente o 89,1% (2003). O gran centro de atracción é Londres pero tamén se producen movementos a outras áreas como Glasgow, o N de Inglaterra e a costa meridional, especialmente por parte de pensionistas e xubilados. A poboación redistribuíuse e estableceuse nas periferias. A New Town Act de 1946 previu a creación de vinte e unha cidades de entre 10.000 e 60.000 h, o que conduciu á construción de oito destas cidades nos arredores de Londres. Consecuencia disto é que máis do 40% da poboación se concentra nas oito conurbacións das principais cidades: Londres, Birminghan, Glasgow, Leeds, Sheffield, Liverpool, Manchester e Bradford. Existen zonas case desérticas como as áreas montañosas de Escocia, Gales, Cornualla ou a cadea Penina, ou cun poboamento débil como a rexión de East Anglia, o Weald ou o val de York.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
A poboación de Reino Unido é maioritariamente branca (92,1%), aínda que existe unha pequena porcentaxe de indios, paquistanís e negros. O 91,7% da poboación naceu en Reino Unido, o 2,2% na Unión Europea e o 6,1% fóra dela. A lingua oficial é o inglés, pero tamén se falan o escocés, falado sobre todo na Escocia occidental; o irlandés, cooficial en Irlanda, fálase principalmente na Irlanda occidental; o galés, de gran difusión en Gales, conta cunha certa cooficialidade nos dominios administrativo, educativo e comunicacional; e o francés, cooficial nas illas Anglonormandas. O manx, lingua gaélica da illa de Man, extinguiuse como lingua natural en 1974 e o córnico, lingua de Cornualla, no s XVIII. Con respecto á súa filiación relixiosa, a poboación agrúpase en cristiáns (71,6%), fundamentalmente anglicanos, seguidos de protestantes, católicos e ortodoxos, musulmáns (2,7%), sikhs (0,6%), hindús (0,1%), xudeus (0,4%) e budistas (0,2%). Os doutras relixións supoñen o 0,3% e os non relixiosos o 23,2%. A Igrexa Anglicana está gobernada polo monarca, ao que lle corresponde o nomeamento dos bispos e deáns, dalgúns cóengos e dos reitores das parroquias baixo o seu patrocinio. A través do monarca, o parlamento controla a Igrexa, que necesita o permiso daquel para calquera cambio, incluído os de carácter ritural. En 1920 constituíuse a Asemblea da Igrexa de Inglaterra, formada por tres cámaras (bispos, clérigos e laicos) e integrada por un comité lexislativo, por un eclesiástico e por un parlamento. Os dous arcebispos de Inglaterra (Canterbury e York), os bispos de Durham, Londres e Winchester e 21 bispos máis forman parte da Cámara dos Lores, aínda que tradicionalmente só votan en cuestións que afectan á Igrexa e sobre os principios de moral cristiá. A Igrexa Católica, foi restablecida en Inglaterra e Gales en 1850 e en Escocia en 1878, aínda que ata a aprobación da Catholic Relief Acts (1927) non obtivo o pleno recoñecemento xurídico. Está agrupada nas conferencias episcopais de Inglaterra-Gales e Escocia. A organización eclesiástica en Irlanda non considera a división da illa en dúas entidades políticas (a República de Irlanda e Irlanda do Norte). Armagh é a sé primada da Igrexa Católica e da Igrexa de Irlanda e Belfast dos presbiterianos e metodistas. Polo que respecta á educación, esta é obrigatoria e gratuíta nos niveis primario, dos 5 aos 11 anos agás en Escocia que dura ata os 12 anos, e secundario, dos 11 aos 16 anos. Despois dos 16 anos a educación é voluntaria e pódese acceder ao ensino superior ou further education, que administra unha formación variada: profesional, técnica e de nivel superior. Despois do secundario ou superior, o ensino impártese en institucións específicas e dura tres anos. As universidades británicas son autónomas e moi selectivas, e fináncianse cunha considerable achega estatal. Cada unha determina as condicións de entrada así como os programas e as orientacións científicas. En cada materia concédense tres grados: bachelor (tres anos); master, que se obtén mediante unha escolaridade de un ou dous anos coa presentación dun traballo de investigación (M. Phil); e o de doctor (Ph. D.), que require a presentación da tese.
Os medios de comunicación
A prensa británica ten unha sólida tradición de independencia, aínda que en ocasións sometida a presións políticas e económicas. A National Union of Journalists’ Code of Condut, o Institute of Journalists’ Code of Condut e o Institute of Journalists’ Code of Ethics teñen a misión de definir o comportamento profesional dos xornalistas, mentres que o Press Council defende os intereses e o estatuto profesional dos seus membros. Integran o mundo da prensa británica máis de 4.000 publicacións de tiraxe regular e cinco grandes axencias de información, como United Press International, Reuters, Associated Press, The Exchange Telegraph Company e Press Association. Os principais diarios, segundo as súas tiraxes, son The Sun, Daily Mirror, Daily Express, Daily Mail, The Star, Daily Telegraph, The Guardian, The Times e Financial Times. Cómpre destacar o carácter especializado das revistas (arte, medicina, economía, política, filosofía, etc), das que destacan Contemporary Review, The Economist, International Affairs, The Political Quarterly, The Spectator, Tribune e Woman’s Weekly. Os servizos de radiodifusión e televisión organízanse a partir da British Broadcasting Corporation (BBC) e pola Independent British Autority (IBA). A BBC, que depende do goberno británico, xestiona dúas cadeas de televisión (BBC-1 e BBC-2), catro redes estatais e unha local de radio. A IBA, que depende de compañías privadas e que se financia con espazos publicitarios e coa venda de programas no exterior, ten dúas canles (Independent Television ou Channel 3 e Channel 4), e controla radioemisoras locais independentes. A BBC ten un destacado servizo internacional de radio, o External Services.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Reino Unido entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o 12º posto cun índice do 0, 936). Este indicador desagregado, ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 75 anos para os homes e de 80 para as mulleres, o índice de alfabetización de adultos é do 99% e o índice bruto de escolaridade é do 113% da poboación. O PNB por habitante é de 26.150 $ EE UU.
Goberno e política
O estado británico está dividido, administrativamente, en catro países, baixo a soberanía dos reis de Inglaterra. Politicamente, é unha democracia parlamentaria cun monarca constitucional, aínda que non dispón dunha constitución escrita. Utilízanse como referencias constitucionais, diversos textos e documentos a partir da Carta Magna de 1225, como a Habeas Corpus Act (1679), a Declaración de Dereitos (1689), as decisións dos tribunais ou os usos e os costumes. O ordenamento xurídico caracterízase por unha ausencia do poder arbitrario, pola subxección do poder aos tribunais ordinarios e polo feito de que non é a fonte, senón a consecuencia dos dereitos individuais e forma parte das leis ordinarias do país. O corpo legal establece catro elementos principais ben diferenciados: o poder lexislativo, o executivo, o xudicial e as igrexas de Inglaterra e Escocia. Todas as accións legais son levadas a cabo en nome do soberano pero diferénciase a coroa como institución e o monarca como persoa. A monarquía é hereditaria, a sucesión é inmediata, sen interregno, e as funcións reais están reguladas na Act of Settlement (1701) e na Declaration of Abdication (1936). O poder lexislativo reside no United Kingdom Parliament que comprende ademais da raíña no seu papel constitucional, a Cámara dos Lores (House of Lords) e a Cámara dos Comúns (House of Commons). O centro do poder parlamentario é a Cámara dos Comúns, con 659 membros elixidos por sufraxio universal en representación dun electorado local. A Cámara dos Lores non ten un límite de membros, a 1 de marzo de 2005 estaba formada por 706 membros. Segundo a House of Lords Act (1999) forman parte dela 26 arzobispos e bispos e 92 pares hereditarios. O sistema electoral británico baséase na maioría relativa e as eleccións xerais realízanse cada cinco anos. Para elaborar lexislación é necesario ter o acordo da raíña e as cámaras. Os proxectos públicos deben ser aprobados por ambas as dúas cámaras e obter o asentimento real para converterse en lei. O poder executivo perténcelle á raíña que é o xefe de Estado e do poder xudicial, comandante en xefe de todas as Forzas Armadas da coroa, gobernante supremo da Igrexa de Inglaterra e cabeza espiritual da Igrexa de Escocia. Como resultado dun largo proceso de evolución, o poder absoluto da monarquía reduciuse progresivamente, de forma que o seu papel político é principalmente cerimonial. O goberno está formado polo partido maioritario na Cámara dos Comúns. A raíña nomea o seu xefe como primeiro ministro, e este á súa vez nomea a 100 ministros, dos que cerca de 20 están no gabinete. Os ministros son responsables conxuntamente das decisións do goberno e individualmente dos seus propios ministerios. O sistema xudicial baséase na common law. A lexislación británica comprende o dereito consuetudinario, o dereito escrito e a equidade. Os catro países contan cos seus sistemas legais e con considerables diferenzas, pero en todos eles o máis alto tribunal de apelación, tanto para causas civís como penais, é a Cámara dos Lores. Os partidos políticos non están rexistrados nin son formalmente recoñecidos pola lei, ena práctica a maioría dos candidatos pertenecen a un dos partidos principais: o Conservative Party e o Labour Party. Varios partidos menores tamén teñen representación no Parliament, como o Liberal Democrats, o Scottish National Party e o Liberal Party. En 1997 celebráronse referendos en Escocia e Gales sobre o sistema de transferencia de autonomía (a devolution), que se realizou paulatinamente. Non foi unha tranferencia uniforme, pois variou en función da historia e das circunstancias contemporáneas de cada caso. Irlanda do Norte viviu un proceso diferente, condicionado pola presenza do IRA (Irish Republican Army). Reino Unido forma parte das seguintes organizacións internacionais: Commonwealth, Comunidade do Pacífico, Consello de Europa, ERBD, OCDE, ONU, OSCE, OTAN e UE.
Escocia
Antes da proposta de transferencia de autonomía, Escocia gozaba dunha considerable independencia administrativa. A Union Act de 1707 garantizou a independencia dos seus sistemas xurídico, docente e eclesiástico, pero no aspecto político dependeu do goberno de Westminster. Despois do referendo de 1997, o parlamento británico promulgou a Scotland Law (1998), que dispuxo o establecemento do Pàrlamaid na h-Alba/Scottish Parliament, formado por 129 deputados elixidos polo sistema de deputados adicionais, e do executivo. O goberno central segue tendo a responsabilidade en numerosos sectores, entre eles o constitucional, as relacións exteriores, a Administración Pública, a defensa e a seguridade nacional, e a política fiscal, económica e monetaria. O parlamento escocés goza da potestade de promulgar lexislación básica destinada a satisfacer necesidades propias do país. O executivo está integrado por un grupo de ministros escoceses e encabezado por un primeiro ministro. A transferencia oficial de poderes tivo lugar o 1 de xullo de 1999, cando a Raíña Isabel II inaugurou o parlamento escocés. Os principais partidos políticos son o Scottish Labour Party, o Scottish Conservative Party, o Scottish National Party (SNP) e o Scottish Liberal Democrats.
Gales
Gales non gozou historicamente do mesmo grao de autonomía ca Escocia. Despois do referendo de 1997, creouse a Cynulliad Cenedlaethol Cymru/National Assembly for Wales (1998), formada por 60 membros elixidos mediante sufraxio universal. Asumiu practicamente todas as funcións do secretario de Estado, aínda que o goberno británico continuou a cargo de sectores non delegados da política económica xeral, defensa e as forzas armadas, política exterior e xustiza, entre outros. A Raíña Isabel II inaugurou a asemblea galesa o 26 de maio de 1998 e a transferencia oficial de funcións tivo lugar o 1 de xullo do mesmo ano. Os principais partidos políticos son o Welsh Labour Party/Plaid Llafur Cymru, o nacionalista Plaid Cymru, o Welsh Conservative Party/Plaid Geidwadol Cymru e o Welsh Liberal Democrats Party/Democratiaid Rhyddfrydol Cymru.
Irlanda do Norte
O 10 de abril de 1998 asináronse os Acordos de Venres Santo que outorgaron un grao de autonomía a Irlanda do Norte que estipulaban a creación da Northern Ireland Assembly, formada por 108 membros, e un executivo, ambos os dous elixidos en Irlanda do Norte. Estas facultades foron efectivas a partir do 2 de decembro de 1999, pero ante as negativas de desarme do IRA suspendéronse entre o 12 de febreiro e o 29 e maio de 2000 e desde 14 de outubro de 2002. Os organismos establecidos en 1998 están facultados para exercer poderes lexislativos e executivos plenos con respecto a cuestións como a agricultura, o medio natural, a educación e a formación, o emprego, a saúde pública, a cultura e as artes. O poder executivo encabézao un primeiro ministro e conta cun secretario de Estado para Irlanda do Norte, que é un ministro do gabinete de Reino Unido, encargado do desenvolvemento institucional, da orde pública, e da seguridade. Está asistido por en equipo de ministros. O goberno británico ten as responsabilidade no que se refire a relacións exteriores, defensa, política económica nacional, seguridade social e radio e teledifusión, aínda que, coa suspensión, se encarga de todos os departamentos. As principais forzas políticas son: o conservador Ulster Unionist Party (UUP), o Social Democratic and Labour Party (SDLP), o radical Democratic Unionist Party (DUP) e o nacionalista Sinn Féin.
Historia

A formación de Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte
A unión de Inglaterra, Gales e Escocia, países que tiñan entidades propias e independentes, deu lugar ao Reino Unido de Gran Bretaña. A unión comezou coa conquista inglesa de Gales (1282) e a súa unión definitiva produciuse coa proclamación de Eduardo I de Inglaterra como príncipe de Gales (1301). En 1603 tivo lugar a unión persoal de Inglaterra e Escocia cando Xaime VI de Escocia (1567-1625) accedeu ao trono inglés (Xaime I de Inglaterra; 1603-1625). Baixo a soberanía de Ana I de Inglaterra (1702-1714) produciuse a integración definitiva en 1707 coa unión de ambos os dous parlamentos e a adopción formal do nome de Reino Unido de Gran Bretaña. Pola Union Act de 1801 uniuse Irlanda e adoptouse o título de Reino Unido de Gran Bretaña e de Irlanda. En 1922 separáronse vinte e seis condados irlandeses como estado libre (Irish Free State), que desde 1949 constituíron a República de Irlanda, mentres que Irlanda do Norte continuou unida a Reino Unido e representada no seu parlamento. Desde 1923 o nome oficial é Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte.
A expansión do país durante o s XVIII: as anexións territoriais e a Revolución Industrial
Á morte da Raíña Ana I, derradeiro membro da dinastía Stuart, sen sucesión en 1714, seguiuse o indicado na Act of Settlement (1701) e nomeouse rei ao seu parente máis cercano, Xurxo I de Inglaterra (1714-1727), co que se iniciou a dinastía Hannover. O seu reinado recaeu prácticamente na súa totalidade nas mans do chancellor of the Exchequer, o whig Robert Walpole (1721-1742), que introduciu o sistema moderno de partidos políticos e que se tivo que enfrontar á creba da bolsa, provocada polo afundimento da Compañía dos Mares do Sur. Ademais o rei tivo que enfrontarse aos partidarios do medio irmán de Ana, Xaime Eduardo o Pretendente. Durante o s XVIII sentáronse as bases do imperio colonial e asegurouse o predominio británico sobre Francia a través da intervención na Guerra de Sucesión Española (1702-1714), na Guerra de Sucesión de Austria (1740-1748) e na Guerra dos Sete Anos (1756-1763), pola que conseguiu a maior parte dos seus territorios na India, Canadá e Florida (Tratado de París, 1763). A independencia das colonias americanas (1783) foi a primeira perda importante do Imperio Británico. Interiormente, a reforma agraria provocou a cesión dos enclosures privados aos enclosures de orixe legal e aos pequenos agricultores e xornaleiros, beneficiarios dos open fields ou dos commons suprimidos. Por outra banda, o rápido crecemento da poboación a finais do s XVIII, permitiu manter baixos os salarios, a formación de capitais froito do comercio, da agricultura e da minaría, a axilización da banca e o desenvolvemento das sociedades de responsabilidade limitada. Isto permitiu a Reino Unido dispoñer por primeira vez dos instrumentos que fixeron posible a venda proveitosa de case toda a produción. Unido a isto, a prosperidade económica foi especialmente importante durante este século, ao ser o primeiro lugar no que se desenvolveu a Revolución Industrial. Deste xeito, cara a 1781 comezou o ascenso vertical da produción de tecidos e algodón e o tráfico comercial, produto dunha acumulación de capital baseada na exportación de manufacturas e na explotación das colonias. No que respecta ao terreo político, como resultado das transformacións sociais e políticas do século anterior, Reino Unido foi o primeiro estado onde arraigou o réxime parlamentario. O poder executivo dependía dun gabinete formado polos conselleiros do rei, pero o parlamento acadou unha importancia crecente, especialmente no campo económico, a causa do seu poder lexislativo. Os wighs, representantes dos intereses financeiros e coloniais, gobernaron entre 1714 e 1761, mediante a corrupción electoral, e fomentaron a política de expansión colonial. Xurxo III de Inglaterra (1760-1820) reimplantou en 1760 as prerrogativas reais, pero tivo que aceptar o restablecemento do réxime parlamentario despois da crise colonial de 1783. Nos reinados de Xurxo IV (1820-1830) e Guillerme IV (1830-1837) gobernaron os torys e os wighs e, pola Reform Act de 1832, apoiada polos wighs, ampliouse o corpo electoral.
A era vitoriana
O Imperio Británico acadou o seu máximo esplendor no reinado de Vitoria I de Inglaterra (1837-1901), neta e sucesora de Guillerme IV. O inicio do seu reinado estivo marcado pola depresión económica de 1837, que deu orixe ao cartismo, promovido polas clases populares e apoiado pola Asociación de Traballadores de Londres. En 1838 presentouse ante o parlamento a People’s Cart que reclamaba entre outras cuestións o sufraxio universal, o voto secreto e a limitación das lexislaturas a un ano, medidas que non se aprobaron. Na primeira metade do s XIX desenvolveuse a segunda fase da Revolución Industrial, que se caracterizou polo gran desenvolvemento da industria e dos sectores dos transportes (expansión da rede ferroviaria, barco de vapor), comunicacións (telégrafo) e comercio. Tomáronse unha serie de medidas como a redución dos dereitos de importación, a supresión arancelaria ou a abolición das leis proteccionistas sobre o trigo (Corn Laws, 1846) e a navegación (Navigation Acts, 1849), que converteron Reino Unido na primeira potencia financeira internacional. Deuse paso a unha política económica orientada a favorecer o libre cambio e que sacrificou os intereses agrarios en favor dos industriais. Despois da gran crise capitalista internacional (1857-1859) aumentou a concentración industrial e, cara a finais de século, o Reino Unido estaba considerado como a primeira potencia bancaria internacional. A Revolución Industrial significou a aparición do movemento obreiro, en loita pola mellora das condicións de vida dos traballadores, agravadas pola desocupación, a inflación e a crise de superprodución. Pouco a pouco conquistaron os dereitos para formar asociacións obreiras (1825), a limitación do traballo infantil nas fábricas, a extensión do sufraxio universal, a legalización das Trade Unions (1871) e o recoñecemento do dereito de folga (1875). Despois das vitorias na guerra contra a Francia napoleónica (1793-1802; 1803-1815), Reino Unido incrementou o seu predominio internacional. En 1854 participou na Guerra de Crimea e entre 1857 e 1858 sufocou varias rebelións protagonizadas polos sipaios, que permitiron que India se convertese nunha das súas colonias. As institucións do Antigo Réxime foron progresivamente eliminadas e a oposición dos gobernos torys aos intentos de reforma lexislativa e parlamentaria abriu paso ao goberno dos whigs, que coa aprobación das Reform Acts (1867 e 1884) concederon o voto a artesáns, obreiros e agricultores. Baixo o mandato de William Ewart Gladstone (1868-1874) acadouse a separación entre os poderes estatais e eclesiásticos, o voto secreto e a reforma dos sistemas xudicial e militar. Os seus sucesores, Benjamin Disraeli (1874-1880) e Robert Gascoyne-Cecil (1885; 1886-1892; 1895-1902), mativeron unha liña favorable á conservación dos intereses imperiais (en 1876 a Raíña Vitoria foi coroada emperatriz de India). A política do ministro de Colonias, Joseph Chamberlain, contribuíu ao estoupido da Guerra dos Bóers (1899-1902), conflito que puxo fin á era vitoriana.
A sociedade británica
O período das guerras napoleónicas supuxo para a sociedade unha época de tensións e de inseguridade. O bloqueo continental perturbou o desenvolvemento, mentres que a insuficiencia da produción de trigo provocou un incremento nos prezos. Ademais, produciuse unha concentración da poboación nas cidades, froito do éxodo rural, o que provocou un crecemento urbano desordenado. As masas obreiras, sometidas ás novas condicións de traballo e castigadas pola carestía e a inseguridade laboral, manifestaron o seu descontento no movemento ludista. Produciuse unha marcada separación das clases sociais e desenvolveuse unha crecente clase media urbana de funcionarios, profesionais, comerciantes e pequenos accionistas. Deuse un espallamento do ensino elemental entre os niveis máis baixos da poboación e, no relixioso, predominou a mentalidade puritana, que caracterizou a época vitoriana e que se prolongou durante parte do s XX. A reforma parlamentaria de 1867 permitiu a un gran sector social, que estivera excluído ata ese momento, a posibilidade de influír nas decisións políticas a traves das urnas. A Foster’s Act (1870) estableceu por vez primeira un sistema nacional de educación primaria. No económico produciuse a ruína da agricultura e da gandaría, debido á competencia sen taxas aduaneiras do trigo e a carne conxelada de Arxentina, Australia e Nova Zelanda. A cambio, as exportacións de manufacturas aumentaron. En 1900 naceu o Labour Party, que recolleu as correntes sindicalistas e socialistas xurdidas no movemento obreiro e que loitou pola súa presenza no parlamento. A comezos do s XX a sociedade presentaba signos de profunda transformación como a revolta contra a moral vitoriana ou as primeiras leis de seguridade social moderna. As dúas guerras mundiais non fixeron senón acelerar as transformacións económicas, sociais e culturais da sociedade.
A evolución política na primeira metade do s XX
O cambio de século inaugurou tamén un novo reinado, o de Eduardo VII (1901-1910), fillo da Raíña Vitoria I e iniciador da dinastía de Saxonia-Coburgo-Gotha, que desde 1917 adoptou o nome de Windsor e que continúa reinando desde entón. Cos primeiros gobernos, de corte liberal, déronse os primeiros pasos para constituír un sistema nacional de educación secundaria e establecéronse as bases do estado de benestar. Baixo a presión do Labour Party, os gobernos liberais realizaron unha serie de reformas como o aumento salarial, a limitación do poder na Cámara dos Lores, a Home Rule para Irlanda (1914) e o sufraxio universal (1918). En 1907 as colonias de maioría de poboación branca recibirion o nome de dominio e acadaron un trato especial na xestión da política interior. O reinado de Xurxo V (1910-1936) comezou coa concesión da autonomía á Unión Sudafricana e a diversas zonas da India británica. A competencia colonial con Alemaña provocou a Primeira Guerra Mundial (1914-1918), na que Reino Unido se aliou con Francia e Rusia. Despois do conflito, o país atopouse cunha gran crise económica e financeira que reduciu o seu papel como potencia internacional. Ao mesmo tempo, desde 1919 tivo que enfrontarse ao conflito entre irlandeses nacionalistas (liderados polo Sinn Féin) e irlandeses probritánicos (irlandeses do norte), que rematou coa proclamación de independencia de Irlanda (Irish Free State), en 1922 e a permanencia de Irlanda do Norte. Os gobernos do laborista Ramsay McDonald (1923-1924; 1929) estiveron marcados pola crise posbélica, a depresión de 1929 e o auxe dos fascismos que o obrigaron a abandonar o patrón ouro e a restablecer o protecionismo coas colonias. As relacións entre o Imperio Británico e os dominios definíronse no Estatuto de Westminster (1931) polo que se constituíu a Commonweatlh of Nations e que recoñecía os dominios como nacións autónomas unidas pola coroa británica. En 1936 accedeu ao trono Eduardo VIII que abdicou ese mesmo ano. Sucedeuno o seu irmán, Xurxo VI (1936-1952). En 1939 o país declarou xunto con Francia, a guerra a Alemaña (1939-1945) e durante o enfrontamento, Winston Churchill presidiu un goberno formado por conservadores, laboristas e liberais. As súas alianzas con Stalin e Roosevelt deron a vitoria aos aliados, pero no mesmo 1945 Churchill perdeu as eleccións e foi substituído polo laborista Clement Richard Attlee (1945-1951). O novo goberno puxo todo o seu interese en establecer o estado de benestar coa nacionalización da banca, da minaría, do transporte e a electricidade e coa creación de programas de subsidios e vivendas e dun sistema de seguridade social en 1948, entre outras medidas. Despois da guerra, a forza política e económica de Reino Unido no terreo internacional declinou notablemente. Favorecido polo Plan Marshall, aliñouse do lado de EE UU fomentando a política de Guerra Fría e as alianzas militares anticomunistas, como a OTAN (1949) ou a SEATO (1955-1977). En 1948 abandonou o mandato de Palestina (que exercía desde 1920), o que provocou o establecemento do Estado de Israel e a Primeira Guerra Árabe-israelí. Ademais, o país tivo que enfrontarse á perda das colonias, un proceso xa iniciado no s XIX por Canadá (1867) e continuado por Australia (1901) e Exipto (1922). India, Pakistán e Sri Lanka acadaron a independencia en 1947.
O reinado de Isabel II: de Churchill a Thatcher
En 1951 morreu Xurxo VI e sucedeuno a súa filla Isabel II. Ese mesmo ano volveu   encabezar o goberno W. Churchill, que mantivo especiais relacións con EE UU. Despois do goberno de Anthony Eden (1955-1957), que tivo que enfrontarse á nacionalización exipcia do canal de Suez (1956), con Harold McMillan (1957-1963) seguiuse unha política de descolonización en África. Aínda que durante o seu goberno se solicitou a adhesión británica á CEE, o acceso foi vetado polo presidente francés Charles de Gaulle (1963). En 1964 acadaron a vitoria os laboristas e Harold Wilson converteuse no primeiro ministro ata 1970. Foi un momento de importante crise económica, en que cada vez era maior a dependencia de EE UU e en que o país recibiu unha novo veto de De Gaulle para ingresar na CEE (1967). Isto, unido á violenta explosión do problema irlandés e á intervención militar británica, contribuíron á inestabilidade e á vitoria dos conservadores con Edward Heath (1970-1974), que logrou o ingreso na CEE (1973). O goberno intentou superar a crise favorecendo a concentración de capital industrial e financeiro e fomentando a desocupación obreira, pero como consecuencia tivo lugar unha serie de folgas, entre as que destacaron as das minas de carbón. Ademais, tivo que enfrontarse aos conflitos en Irlanda, dividida en dous bandos: mentres que os ataques do IRA pretendían a unificación de Irlanda do Norte coa República de Irlanda, a maioría protestante desexaba a continuidade de Irlanda do Norte como parte do Reino Unido. Tras as eleccións de 1974 o Labour Party formou un novo goberno encabezado ata finais de 1976 por Harold Wilson e posteriormente por James Callagham (1976-1979). En 1975, presionados polo sector de esquerdas, o goberno convocou un referendo para decidir sobre a continuidade do país na CEE, que foi ratificado. Aínda que entre 1975 e 1978 o gabinete moderou as reivindicacións sindicais, a radicalización dos sindicatos, influídos cada vez máis polas tendencias de esquerdas do laborismo, afectou á política económica do partido no poder, que perdeu as eleccións en 1979.
Da era Thatcher ao laborismo de Blair
Tras a vitoria da líder dos conservadores, Margaret Thatcher, nos comicios de 1979, iniciouse unha nova era política no Reino Unido, caracterizada polo desenvolvemento dunha política de austeridade, baseada nos recortes presupostarios en gastos sociais, polo impulso da empresa privada, a redución do papel dos sindicatos e a aproximación á liña estadounidense, parella á diminución das achegas británicas aos fondos comunitarios da CEE. Durante o seu mandato, o nacionalismo galés e escocés resultaron afectados politicamente polo fracaso dos referendos autonómicos de 1979 e, a nivel interno, o país viuse afectado polo incremento do paro, polos disturbios en Londres e Birmingham (1985) e por unha forte folga de mineiros (1984-1985) motivada polo peche da minas de carbón. En 1982, a dependencia británica das illas Malvinas foi invadida polas tropas de Arxentina, que reivindicaban a súa soberanía, pero a vitoria británica fixo que se consolidase a posición de M. Thatcher, quen gañou as sucesivas eleccións de 1983 e 1987. Pero, a partir de 1989, a resistencia da primeira ministra ás reformas reduciron a popularidade dos conservadores, que culminaron en 1990 coas protestas masivas contra a Poll Tax (imposto individual fixo) e coas críticas ao deterioro dos servizos sociais educativo e sanitario, que obrigaron a Thatcher a dimitir en 1990, o mesmo ano en que as tropas británicas participaron na Guerra do Golfo Pérsico. O seu sucesor no partido e na presidencia do país foi John Major, quen retirou o imposto e moderou a política conservadora, aínda que en materia internacional continuou na liña de apoio a EE UU. O seu goberno estivo marcado por dous obxectivos: cumprir o establecido no Tratado de Maastrich (1993) e lograr a pacificación de Irlanda do Norte. En 1993 asinou, xunto co primeiro ministro irlandés Albert Reynolds, un acordo para negociar a paz do Ulster, en que se solicitaba como condición o cesamento da actividade terrrorista do IRA. Nas eleccións de 1997, J. Mayor foi derrotado polo líder laborista Tony Blair, que continuou o labor do seu antecesor co fin de conseguir acelerar o proceso de paz en Irlanda do Norte. Das súas conversas co líder do Sinn Féin, Gerry Adams, saíu a decisión dos republicanos norirlandeses de renunciar á violencia terrorista e converterse en parte activa no proceso de pacificación. En 1998 asináronse os Acordos do Venres Santo entre o goberno británico, o Sinn Féin e os protestantes moderados, que deu lugar a unha nova tregua e abriu o camiño cara á autodeterminación de Ulster e a paz. Non obstante, o proceso foise aprazando e, ante as sucesivas negativas de desarme do IRA, suspendéronse as institucións autonómicas entre febreiro e maio de 2000 e desde o 14 de outubro de 2002. En novembro de 2004 iniciáronse novas conversas pero o asasinato en xaneiro de 2005 dun católico en Belfast supostamente por membros do IRA, cuxa dirección se ofreceu á familia para executar os seus autores, deixou o proceso nun punto morto. De forma inmediata ao seu ascenso ao poder, os laboristas deron a coñecer a celebración dun referendo para que a poboación galesa e escocesa se pronunciara sobre a concesión de autonomía e a constitución de parlamentos autónomos: en ambos os dous casos gañou o si e en 1999 os laboristas dos dous países ocupaban os respectivos gobernos. Tamén en 1999, o Reino Unido participou como membro da OTAN no bombardeo sobre o territorio da República Federal de Iugoslavia que puxo fin á crise de Kosovo. Os comicios de 2001 resultaron favorables novamente a Blair, que tivo que asumir as protestas pola presión fiscal e a crise dos servizos públicos, así como as divisións relativas á adopción do euro como moeda, que finalmente non foi adoptado. Así mesmo, o seu goberno sufriu severas críticas pola súa férrea vinculación coa política antiterrorista estadounidense. Tras os atentados do 11 de setembro de 2001 contra o World Trade Center de Nova York, as tropas británicas apoiaron e participaron na invasión de Afganistán. En 2002 a pesar das escasas probas presentadas polos inspectores da ONU sobre a existencia de armas de destrución masiva en Iraq e da falta de apoio internacional e popular, Blair conseguiu a autorización da Cámara dos Comúns para enviar tropas a Iraq. Tanto el como o presidente estadounidense, George Bush, reafirmaron as súas intencións no Cumio das Azores (16.3.2003), en que tamén participaron, confirmando o seu apoio, o presidente español J. M. Aznar e o portugués J. M. Durão Barroso. A ofensiva iniciouse de forma inmediata, de xeito que Iraq foi ocupado e o seu presidente Saddam Ḥ usayn, capturado. A pesar disto, as consecuencias para o líder do Reino Unido foron negativas, pois tivo que enfrontarse á escisión do seu propio partido, á dimisión de varios dos seus membros e á perda masiva de apoio popular. A situación empeorou cando un periodista da BBC acusou ao goberno de mentir á opinión pública ao esaxerar nun informe a ameaza iraquí. Meses despois David Kelly, antigo inspector da ONU e principal informador da cadea británica, suicidouse, o que provocou que o enfrontamento entre o primeiro ministro e a BBC se agudizase. A investigación xudicial recoñeceu a implicación de Blair pero ditou que a responsibilidade era da BBC. En 2005 o goberno de Blair presentou un proxecto de lei antiterrorista que reforzou o poder do executivo en detrimento do xudicial ao permitir ao ministro de Interior ordenar, sen mandato xudicial, o arrestro domiciliario e outras medidas restritivas da liberdade individual do individuo sospeitoso de terrorismo. A lei foi aprobada pola Cámara dos Comúns pero no seu paso pola Cámara dos Lores aprobouse unha enmenda para que sexan os xuíces, e non o goberno, os que decidan en casos de sospeitosos de terrorismo, o que supuxo unha forte derrota para Blair. No inicio da campaña electoral para as eleccións xerais de 2005, o líder do Sinn Féinn, G. Adams pediu ao IRA que abandonase a loita armada e que se acollese á vía política, feito que o IRA confirma nun comunicado oficial o 28 de xullo. Nestas eleccións o Labour Party acadou a vitoria, aínda que perdeu votos e escanos, e T. Blair revalidou o cargo de primeiro ministro, converténdose no primeiro líder laborista que consigue a elección por terceira vez consecutiva. O 7 de xuño de 2005 Londres sufriu un atentado terrorista, en tres estacións de metro e un autobús urbano, que provocou máis de 55 mortos e 700 feridos. A súa autoría relacionouse con extremistas islámicos vinculados a Al-Qaeda. Un atentado semellante tivo lugar o 21 de xullo, sen causar vítimas mortais.
A presenza galega en Reino Unido
Reino Unido recibiu só o 1,67% do total de galegos que emigraron a Europa. Entre 1960 e 1990 emigraron a este país 6.122 galegos, o que representa o 40% do total de españois, o 90% do total produciuse na década de 1960. A maioría dos emigrantes procedían da Coruña (68,42%) e Lugo (27,36%), seguidos de Ourense (2,31%) e Pontevedra (1,91%). Aínda que a emigración foi iniciada a finais da década de 1950 por mulleres, que traballaron no servizo doméstico e en hospitais, pouco a pouco os homes foron maioría. En 1962 as mulleres representaban o 74% do total, pero entre 1968 e 1980 os homes pasaron a representar o 61%. Esta emigración estaba formada por traballadores procedentes do sector dos servizos (29,49%), do sector industrial e artesáns (25,56%) e por agricultores e mariñeiros (11,91%). A maioría instalouse en Londres e a súa área de influencia. Os traballos máis habituales foron en hoteis e restaurantes (48%), servizo doméstico (35%) e industria e comercio (8%). En 1967 creouse o Centro Galego de Londres, única de todas asociacións de emigrantes españois en Reino Unido que conta con sede en propiedade desde 1987. En Manchester existe a Peña Gallega do Centro Español.