Renania

Renania

Rexión histórica de Alemaña que comprende as terras sucadas polo curso medio do Rin. Habitada por pobos célticos e xermánicos, foi conquistada por César (57 a C) e parcialmente romanizada, e despois das migracións xermánicas dos ss III e IV establecéronse nela os francos e os alemáns. Formou parte do Reino de Austrasia, e Carlomagno fixou a capital do seu imperio en Aquisgrán. O feudalismo supuxo a constitución de numerosos principados. O Tratado de Xanten (1614) puxo as bases para a futura expansión de Prusia por terras renanas. O Rei Luís XIV de Francia tratou de situar no Rin o límite oriental do seu reino alternando a guerra coas anexións pacíficas de cidades de Alsacia e Lorena. O Congreso de Viena (1815) atribuíu a Prusia case toda a Renania alemá, que durante o s XIX tivo un extraordinario desenvolvemento industrial. A Guerra Franco-prusiana (1870-1871) deu Alsacia e o norleste de Lorena ao Segundo Reich, e a derrota deste durante a Primeira Guerra Mundial fixo que se restituíuse a Francia. En 1946 a Renania alemá incorporouse á República Federal de Alemaña, formando os länder de Renania do Norte-Westfalia e de Renania-Palatinado.