Rennes

Rennes

Capital de Bretaña e do departamento francés de Ille-et-Vilaine, situada na confluencia dos ríos Ille e Vilaine, nunha rexión de terras relativamente baixas (206.229 h [1999]). É a única gran cidade de Bretaña sen relación directa co mar. Conta con factorías de material ferroviario, maquinaria agrícola, produtos químicos, industria alimentaria e artes gráficas. Dominada sucesivamente polos celtas e os romanos, no s IX converteuse en capital do condado de Rennes, cuxos titulares se converteron no século seguinte en duques de Bretaña. En 1561 estableuse nela definitivamente o Parlamento bretón. Durante a Segunda Guerra Mundial foi dominada polos alemáns (1940-1944) e fortemente bombardeada. Do seu patrimonio cultural destacan a catedral de Saint-Pierre, comezada no s XIII e renovada nos ss XVI-XVIII e XIX, a antiga abadía de Notre Dame (ss XIV-XV) e o Palais de Justice (s XVII).