Reunión, illa
Illa das Mascareñas, situada no Océano Índico, que constitúe un departamento de ultramar de Francia (2.510 km2; 733.000 h [estim 2001]). A súa capital é Saint-Denis. É unha illa de orixe volcánica e acada a súa maior altitude no Piton des Neiges (3.069 m). O 22% do territorio está dedicado á agricultura, sobre todo cana de azucre e a vainilla. Descuberta en 1513 polo portugués Pedro de Mascarenhas, estaba deshabitada e en 1662 a Compañía Francesa das Indias Orientais ocupouna e colonizouna desde Madagascar, co nome de illa Borbón. En 1769 a coroa francesa fíxose cargo da súa administración. Durante a Revolución Francesa declarouse independente e adoptou o nome de Reunión, que foi recoñecido en 1848. Ocupada polos ingleses durante as guerras napoleónicas, en 1815 volveu a Francia. Desde 1947 é un departamento de ultramar.