Rexurdimento
Movemento de recuperación literaria, lingüística e cultural que se deu en Galicia no s XIX, enmarcado dentro do movemento europeo de recuperación da tradición oral e da literatura popular, tendencia romántica derivada da aparición dos nacionalismos. Estivo ligado aos diversos movementos galeguistas baseados na defensa da personalidade diferenciada e da singularidade de Galicia. Considérase o ano 1863 como a data do seu comezo, coincidindo coa publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, primeira obra escrita integramente en galego, aínda que A gaita gallega (1853), de X. M. Pintos, publicada anteriormente e escrita na súa maior parte en galego, tamén se pode incluír neste período. Este autor, xunto con Francisco Añón, Alberto Camino e Vicente Turnes, entre outros, pódense considerar os precursores do que se deu en chamar Rexurdimento. Durante este tempo, foi frecuente a produción literaria bilingüe, onde a escolla do idioma obedecía ocasionalmente a motivos xenéricos ou temáticos. Entre outras iniciativas, tamén contribuíron á recuperación das letras galegas a celebración de numerosos xogos florais e certames literarios, como os Xogos Florais (1861) da Coruña e a publicación do Álbum de la Caridad (1862), que recolle as composicións premiadas neste encontro. En 1876 editouse O Tío Marcos da Portela, o primeiro xornal escrito integramente en galego, promovido por Valentín Lamas Carvajal, ao que seguiron outras publicacións, ou a creación da famosa Biblioteca Gallega, impulsada por Andrés Martínez Salazar. En 1880, ano de gran produtividade para a literatura galega, saíron do prelo obras dos principais representantes deste período: Follas Novas, de Rosalía de Castro; Aires da miña terra, de Curros Enríquez; Saudades gallegas, de Lamas Carvajal, e Maxina ou a filla espuria, de Marcial Valladares, primeira novela galega contemporánea. Na obra de Curros Enríquez localízanse abundantes recursos de orixe romántica cos que constrúe un discurso poético para denunciar o sufrimento do pobo galego, sometido á tiranía do cacique, o clero e o escribán. En 1886 apareceu Queixumes dos pinos, de Eduardo Pondal, quen tamén escribiu a epopea inacabada Os Eoas, onde se reflicte o interese dos autores da época por construír o marco en que se move o pobo galego, con diversas alusións a un imaxinativo pasado lendario. A todos eles, cómpre engadir os nomes de Xoán Barcia Caballero (1852-1926), Alberto García Ferreiro (1860-1902), Bieito Losada (1824-1891) e Evaristo Martelo Paumán (1853-1928). A prosa, moito menos significativa ca a poesía, non se desenvolveu plenamente ata o s XX, mais a finais do s XIX apareceron, ademais da novela de Marcial Valladares, O catecismo do labrego (1888), de Valentín Lamas Carvajal, e A tecedeira de Bonaval (1894), de Antonio López Ferreiro. Este tipo de literatura, pola estética realista que imperaba no tempo en que apareceu, obrigaba aos autores a describir esa sociedade diglósica. Algúns outros destacados neste apartado foron Francisco Álvarez de Nóvoa (1873-1936), autor de Pé das Burgas (1899), L. Otero Pimentel (1830?-1920), con A campaña de caprecórneca (1898), Sixto Delgado Luaces e Heraclio Pérez Placer. Nas últimas décadas do s XIX publicouse tamén un abundante material de carácter filolóxico e lingüístico, como as primeiras gramáticas e dicionarios, como o Compendio de gramática gallega-castellana (1864), de F. Mirás, El habla gallega. Observaciones y datos sobre su origen y vicisitudes (1868), de Xoán Cuveiro Piñol, e a Gramática Gallega, de Xosé A. Saco e Arce; e dicionarios como o de F. X. Rodríguez (1863), o Dicionario gallego-castellano (1876), de X. Cuveiro (1876), e o de Marcial Valladares (1884); e historiografías, como a Historia de Galicia (1865-1873) de Bieito Vicetto, e a Historia de Galicia (1865-1913), de Manuel Murguía, ou as contribucións de carácter social e político de Alfredo Brañas Menéndez (1859-1900) e Aureliano Pereira de la Riva (1855-1906). Finalmente, a última manifestación do Rexurdimento, xa no s XX, foi a constitución da Real Academia Galega (1905), aínda que houbo autores aparecidos a finais de século, como Xerardo Álvarez Limeses, Xoán Armada, Francisca Herrera Garrido, Enrique Labarta Pose, Manuel Lugrís Freire, Aurelio Ribalta e Florencio Vaamonde Lores, que continuaron a liña dos grandes mestres do Rexurdimento.