Rey Fernández-Latorre, Santiago
Editor, neto do fundador de La Voz de Galicia Xoán Fernández Latorre. Propietario e presidente da Corporación Voz de Galicia, un dos maiores grupos de comunicación de Galicia, que engloba La Voz de Galicia, Diario de León, Radio Voz, Voz Audiovisual, Sondaxe e Canal Voz. Licenciado en Dereito, accedeu en 1963 á xerencia do rotativo La Voz de Galicia. Baixo a súa dirección, o xornal, o de maior difusión de Galicia e o sexto de información xeral de España, viviu a súa grande expansión: acometeu unha total renovación técnica, superou os 100.000 exemplares de difusión diaria, creou o sistema de edicións que dá cobertura a toda Galicia e inaugurou o edificio intelixente que alberga a planta de impresión de Sabón (Arteixo) en 1992. En 2001 creou a fundación que leva o seu nome co fin de fomentar o coñecemento e difusión da cultura e contribuír ao estudo, investigación, defensa e creación de medios de comunicación en Galicia en calquera dos seu soportes e que entrega o Premio Fernández Latorre. Tamén ocupou os cargos de presidente do Instituto Nacional de Prensa, de Antena 3 Galicia, da Asociación de Editores de Diarios Españoles e do Grupo Cable. Conselleiro de Colpisa, Antena 3 TV e Antena 3 Radio, foi o impulsor e presidente (1987-1995) de TESA (Taller de Editores). Foi galardoado coa Gran Cruz do Mérito Civil e coa de Coruñés do Ano (1982), e nomeado Fillo Predilecto da Coruña (2001) e doutor honoris causa pola Universidade da Coruña (2002), e recibiu a Medalla de Ouro de Galicia (2005).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Coruña