Ribadeo, condado de
Título que ostentaron tres liñaxes diferentes. A primeira concesión fíxoa o Rei Enrique II en 1369 ao cabaleiro Pierre de Villaines , que chegara a Castela para axudar ao monarca no seu enfrontamento con Pedro I o Cruel. Daquela as armas do condado foron as da súa liñaxe: en campo de prata tres leóns de sable, armados e lampasados de goles, e engadiu un franco cuartel coas armas de Castela e León. Cando retornou a Francia, vendeu o condado ao condestable Ruy López Dávalos (?-València 1428), que tiña como armas as da súa liñaxe: de azur un castelo de ouro e bordura de goles e prata. O condestable foi privado de Enrique III e apoiou ao seu fillo Xoán II ata que caeu en desgraza. Morreu sen descendencia e o rei concedeu o título en 1431 ao condestable Rodrigo de Villandrando (?-1448) que estivo moi vinculado ás loitas da época e boa parte da súa vida transcorreu en Francia. O seu fillo Pedro de Villadrando y Zúñiga herdou os seus títulos pero non figura como conde pois morreu moi pronto e herdou o título a súa irmá María de Villandrando y Zúñiga , II condesa de Ribadeo, casada co I conde de Salinas, a quen sucedeu o seu primoxénito Diego Pérez Sarmiento de Villandrando , III conde de Ribadeo e II de Salinas. O fillo deste, Diego Gómez Sarmiento y Villandrando (?-? 1563), foi o IV conde de Ribadeo e III de Salinas. Despois herdou o condado o seu neto Rodrigo Sarmiento de Villandrando , V conde de Ribadeo e IV de Salinas, pai de Ana Sarmiento de Villandrando , VI condesa de Ribadeo e V de Salinas. O VII conde, Pedro de Silva e Sarmiento de Villandrando , morreu neno e o condado pasou a súa tía Mariña Sarmiento de Villandrando , VIII condesa de Ribadeo e VII de Salinas. O seu fillo foi Rodrigo de Silva y Sarmiento de Villandrando , IX conde de Ribadeo e VIII de Salinas e II marqués de Alenquer, que casou con Isabel Margarita Fernández de Híjar, III duquesa e señora de Híjar. A partir de entón o condadeo de Ribadeo foi unha dignidade máis dos duques de Híjar, Grandes de España, que entroncaron coa casa de Alba cando a filla de Alfonso de Silva y Fernández de Córdoba (?-1955), XXIV conde de Ribadeo e XVI duque de Híjar e Aliaga, casou con XVII duque de Alba. Sucedeuno nos seus títulos a súa neta María del Rosario Cayetana Fitz-James Stuart y Silva , XXV condesa de Ribadeo desde 1957, XVIII duquesa de Alba. As armas actuais do condado de Ribadeo son as dos Villandrando: escudo cuarteado, 1 e 4 de prata, xadrezado en ouro e sable; 2 e 3 de ouro, tres faixas de azul. Bordo de azul con oito castelos de ouro, e coroa condal no timbre.