Ribas de Sil, Santo Estevo de
Antigo mosteiro beneditino situado en Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín). A primeira proba documental da súa existencia é un documento de 921 do Rei Ordoño II no que se autoriza ao abade Franquila a reconstrución do mosteiro de Santo Estevo, pero puido exisir nos ss VI e VII. O Rei Afonso IX defendeuno fronte aos intereses de varios nobres e o mosteiro chegou a ter xurisdición sobre un extenso territorio. Incorporouse á Congregación de Valladolid en 1499 e no s XVI tivo entre os seus priorados a Santa Cristina de Ribas de Sil e San Vicente de Pombeiro, e acadou unha grande importancia económica ata a exclaustración de 1835. Acometeuse unha restauración do conxunto e en 2004 inaugurouse nas súas dependencias un Parador Nacional de Turismo. Realizado en estilo románico, ten elementos arquitectónicos que van desde o gótico e o renacentista ata o neoclásico. Das distintas dependencias que se conservan destacan os tres claustros. O Procesional ou dos Bispos, recibe este nome en alusión aos nove bispos que se retiraron ao mosteiro e onde foron soterrados. Ten planta rectangular e dous corpos e conserva a traza románica na parte baixa con arcos de medio punto sostidos por columnas pareadas rematadas en capiteis decorados con motivos vexetais e zoomórficos. As galerías do piso baixo cóbrense con bóvedas de cruzaría estrelada do s XVI. A parte superior do claustro presenta arcos carpaneis renacentistas. A súa construción no s XVI obrigou a reforzar o corpo interior con contrafortes prismáticos. Coroa o perímetro unha obra de trazaría cun estilo entre o gótico e o renacentista. Nos outros dous claustros traballou o mestre Diego de Isla, que introduciu os primeiros trazos herrerianos na construción. O claustro da Portaría, que permitía o acceso a esta dependencia, ten planta rectangular e tres corpos. No baixo presenta arcos de medio punto sobre columnas de fuste liso, o corpo intermedio é alintelado, e o último ten unha sucesión de arcos de medio punto sobre pilastras. O terceiro claustro é máis pequeno e ten dous corpos con arcos de medio punto sobre columnas. A fachada do mosteiro, datada no s XVIII, mestura elementos clasicistas e barrocos e está flanqueada por dous pares de columnas que sosteñen un entaboamento partido. Remata nun pequeno frontón triangular que coroa o segundo corpo. Entre as columnas sitúanse dous nichos coas figuras de dous santos e sobre eles dous escudos. Enriba atópase o escudo da abadía coas nove mitras en memoria dos nove bispos. A igrexa do mosteiro ten influencias da catedral de Ourense e mestura elementos románicos e góticos. Comezouse en 1183, segundo consta nunha inscrición que se conserva no fuste dunha columna da cabeceira. Ten planta basilical con tres naves de catro tramos e cabeceira con tres ábsidas semicirculares. As naves cóbrense con bóvedas de cruzaría e os arcos formeiros e faixóns son apuntados e dobrados. As capelas da ábsida presentan un tramo recto e outros curvo. Á capela central accédese por un arco triunfal apuntado e dobrado. O presbiterio cóbrese con bóveda de cruzaría. Ao hemiciclo, que presenta unha altura máis baixa, ingrésase por un arco triunfal de medio punto. Cóbrese por unha bóveda de seis nervios. Ás capelas laterais áccedese a través de arcos apuntados e cóbrense con bóvedas nervadas. No interior do templo destaca o retablo pétreo do cruceiro que, por unha cara representa a Xesús Cristo só e, pola outra, ao Salvador rodeado dos apóstolos. No tramo final da nave central, aos pés da igrexa, sitúase o coro alto datado entre finais do s XVII e inicios do s XVIII. No exterior destaca a cabeceira, coas ábsidas divididas en panos (dous nos laterais e catro no central) por medio de columnas entregadas nos que se abren ventás, unhas cegas e outras non, e coa cornixa erixida sobre pequenos arcos de medio punto que se apoian en canzorros decorados con temas diversos. A fachada está flanqueada por dúas torres-campanario e nela destacan os contrafortes. No corpo central, sobre unha porta alintelada rematada en frontón triangular, sitúase un rosetón, e sobre este o remate coa imaxe do santo nunha fornela e frontón triangular. Foi declarado BIC en 1923.