Ribas de Sil, Santa Cristina de

Ribas de Sil, Santa Cristina de

Antigo mosteiro beneditino situado en Parada de Sil. Descoñécese con certeza a súa data de fundación pero documéntase a súa existencia desde o s IX. Recibiu doazóns e privilexios dos monarcas castelán-leoneses e dos papas. As súas posesións estendéronse por Lugo e Ourense, na ribeira do Sil, aínda que cando se incorporou á Congregación de Valladolid (1499) xa case fora abandonado polos monxes, e no s XVI pasou a depender de Santo Estevo de Ribas de Sil. Consérvase unha parte das antigas dependencias, o claustro e a igrexa. O claustro ten forma de L e sitúase ao lado norte e leste da igrexa. Divídese en tres tramos reforzados con contrafortes e na planta baixa destacan os arcos de medio punto sobre columnas. Neste lado norte presenta unha torre acaroada coa base aberta mediante tres arcos de medio punto asentados sobre columnas pegadas ao muro e rematados por capiteis profusamente decorados. As demais dependencias do mosteiro abríanse a este claustro. A igrexa foi construída en estilo románico e ten unha soa nave, dividida en cinco tramos, con tres ábsidas semicirculares que corresponden a tres capelas abertas ao cruceiro mediante arcos de medio punto, nas que se atoparon restos de pinturas románicas. A fachada principal divídese en dous corpos. No inferior destacan as tres arquivoltas decoradas que descansan sobre tres pares de columnas rematadas con capiteis ornamentais, e no superior, o rosetón románico que pecha o tímpano. Tamén destaca a torre do campanario de forma cuadrangular, con dous pares de fiestras con arco de medio punto na parte superior, e coroada por unha crista ameada.