Ribas de Sil, San Clodio de ou San Clodio de Quiroga
Antigo mosteiro beneditino situado en Ribas de Sil. En 1151 documéntase a súa doazón a Velasco Pérez e a súa nai, Elvira Núñez, por parte de Afonso VII. Do antigo cenobio, restaurado en 1604, só queda parte dunha torre derruída situada detrás da igrexa, que lembra as loitas dos monxes contra os cabaleiros da orde militar de San Xoán na súa encomenda de Quiroga. O templo, hoxe parroquial, foi construído en estilo románico no s XII, pero sufriu numerosas reformas e da edificación orixinal só se conserva a ábsida e a porta norte, con arco de medio punto. Ten unha soa nave de planta rectangular e presenta numerosos elementos que foron considerados protorrománicos e visigodos, aínda que só forman parte da decoración, co que non se pode afirmar que existira un templo anterior no seu emprazamento. O ábsida cúbrese con bóveda de canón no tramo recto e con bóveda de forno na cabeceira semicircular. O arco triunfal apóiase en columnas entregadas. A porta lateral situada no adro, daba acceso ao claustro lateral do desaparecido recinto monacal. Na fachada ten unha espadana de dous corpos con dous vans na parte inferior e un na superior.