Rīga
Capital de Letonia (764.328 h [2000]). Situada a ambas beiras do río Daugava (Dvina Occidental), a 15 km da súa desembocadura no Mar Báltico, é un porto importante e o principal centro comercial, industrial e cultural do país. Concentra gran parte da produción industrial nacional: metal, construcións mecánicas, radiotécnica, electrotécnica, aparatos de precisión, máquinas agrícolas e de transporte. Ten tamén unha grande industria pesqueira. Antigo establecemento dos livonios, a cidade foi fundada por Alberte, bispo de Livonia, en 1201. Membro da Hansa (1282), converteuse nun dos centros comerciais máis importantes do Mar Báltico. Os seus privilexios episcopais (arcebispado en 1253) permitíronlle gozar dunha considerable independencia, acentuada por ser a sé do gran mestre da rama livonia dos cabaleiros da orde Teutónica. Despois de 1521 converteuse ao luteranismo. Xunto ao territorio circundante de Vidzemes Augstiene pasou a Polonia (1581). Gustavo II Adolfo de Suecia apoderouse dela e en 1710 foi ocupada polos rusos (Tratado de Nystad, 1721). Capital da República de Letonia independente (1918), en 1940 foi incorporada á URSS. Ocupada polos alemáns (1941-1944), entre 1945 e 1991 foi capital da República Socialista Soviética de Letonia, e desde 1991, é a capital de Letonia. Do seu patrimonio cultural destacan as igrexas de San Xurxo (s XIII) e San Pedro (restaurada no s XV) e a catedral (restaurada no s XVI). Na praza do concello atópase a chamada Casa das cabezas negras (ss XIV-XVII). O centro histórico da cidade foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (1997).