Rimas

Rimas
[LIT]

Conxunto de oitenta e seis composicións poéticas escritas por Xoán Barcia Caballero e editadas no tomo XXIX da Biblioteca Gallega de Andrés Martínez Salazar. Acompañadas dun “Prólogo” onde o autor analiza o concepto de poesía, particularmente a galega, as composicións de Barcia Caballero recollen elementos cultos e móvense nun sensorialismo característico do posromanticismo de finais de século. Moitos deles, a imitación da obra de Rosalía de Castro, amosan a súa vertente máis pesimista, mentres que outros presentan unha temática máis relixiosa, con referencias á Virxe, ou mesmo satíricas, nas que critica o egoísmo, a avaricia e a vaidade.