Rimini
Capital da provincia homónima, Emilia-Romaña, Italia, situada na costa do Adriático, entre Ravenna e Pesaro (128.301 h [2001]). É un importante centro de industria dos tecidos e un dos puntos de veraneo de máis sona de Italia. Fundada polos umbros, foi tomada polos romanos (268 a C), cristianizada (s IV), ocupada polos godos (s V) e posteriormente polos bizantinos, os lombardos e os francos. Estes cedéronlla aos Estados Pontificios (754). Participou nas guerras entre güelfos e xibelinos do lado dos primeiros, e rematou dominada completamente pola familia Malatesta (1334). De novo pertenceu aos Estados Pontificios (1528-1797), e foi ocupada pola Francia revolucionaria ata que en 1816 foi restituída ao papa. En 1860 integrouse no Reino de Italia. A antiga igrexa de San Francesco foi transformada (1446-1455) por Alberti, seguindo ordes dos Malatesta, polo que foi denominada Tempio Malatestiano.