Río Caldo, Santa María do Val de

Río Caldo, Santa María do Val de

Igrexa parroquial situada en Lobios. De estilo barroco, ten planta de cruz latina, coa sancristía acaroada ao presbiterio. A nave, de tres tramos, divídese en pilastras e cóbrese con bóveda de canón. No seu interior conserva un retablo de dous corpos e tres rúas, no que destaca o sagrario en forma de torre e con relevos da Anunciación, a Fuxida a Exipto e a Adoración dos pastores. Na fachada destacan as pilastras dos extremos unidas coas ramplas da cornixa que serven de asento aos pináculos. A portada resáltase con marcos de orelleiras, unha fornela coa imaxe da Inmaculada e unha fiestra con moldurado.