Riquer i Morera, Martí de

Riquer i Morera, Martí de

Medievalista. Catedrático de Historia das Literaturas Románicas na Universitat de Barcelona (1950-1970 e 1974-1984), da que foi profesor emérito, e na Universitat Autónoma de Barcelona (1970-1974). A súa tarefa filolóxica centrouse ao redor de tres núcleos: a literatura catalá medieval, as literaturas provenzal e francesa, tamén medievais, e a literatura castelá da Idade Media e dos ss XVI e XVII. Da súa obra cómpre salientar L’humanisme català (1934), Comentaris crítics sobre clàssics catalans (1935), Tratado de heráldica española (1942), Resumen de literatura catalana (1947) e Heráldica castellana en tiempos de los Reyes Católicos (1987). Impulsor da Història de la literatura catalana (1964-1987), realizou diversas edicións de clásicos cataláns, especialmente de Tirant Lo Blanc, ademais do estudo Aproximació al Tirant lo Blanc (1990, Premi Crítica Serra d’Or e Premio Nacional de Literatura 1991). Sobre as literaturas provenzal e francesa destacan Resumen de literatura provenzal trovadoresca (1948), La lírica de los trovadores (1949), Los cantares de gesta franceses (1952), La leyenda del Graal y temas épicos medievales (1968), Los trovadores (1975) e as edicións de Cerverí de Girona (1947) e de Guillem de Berguedà (1971). Sobre a literatura castelá publicou edicións e estudos de Sebastián de Covarrubias (1943), Cervantes (1944), Boscán (1945 e 1957), Juan de Zabaleta (1945), Juan de Mena, El caballero Zifar (1953), Don Juan Manuel (1955), Fernando de Rojas (1953) e Lazarillo de Tormes. Dos seus últimos libros destacan Vidas y retratos de trovadores (1995) e Antologia de poetes medievals (I-Època medieval) (1997). Foi galardoado co Premio de Literatura da Generalitat de Catalunya (1985), coa Creu de Sant Jordi (1992), co Premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais (1997) e co Premio Nacional de las Letras Españolas (2000). Membro da Real Academia Española (1965) e académico non numerario da Real Academia Galega, foi presidente da Reial Acadèmia de Bones Lletres (1963-1996).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Barcelona