Rivas Alonso, Silverio

Rivas Alonso, Silverio

Escultor. Formouse na escolas de Artes de Vigo e Madrid e no Círculo de Bellas Artes de Madrid. A partir de 1969 colaborou no taller de Xoán Piñeiro en Goián e entre 1976 e 1977 estudou cerámica, invitado polo Seminario de Estudios Cerámicos de Sargadelos. En 1979 instalouse en Francia, onde abriu o seu taller en Bonneuil-sur-Marne e participou en numerosas exposicións no estranxeiro e en Galicia, onde tamén formou parte do movemento Atlántica desde 1980. En 1986 regresou a Galicia e en 1992 instalou o seu estudo en Paramos (Tui). Nas súas esculturas, abstractas, experimentou coas formas, xogando cos ocos e os volumes, coas texturas e cos materiais: empregou poliéster, aceiro, ferro, madeira (Acacia, 1976), pedra (Pensando en Stendhal, 1995) e bronce (As agullas da catedral, 1992; Personaxes de Millet, 2000) e innovou coa realización conxuntos articulados e desmontables de cerámica. Da súa obra pública destaca a formación de granito de grandes dimensións Porta do Atlántico (1992) para a praza de América de Vigo ou o Aras Solis, para o Parque Escultórico da Torre de Hércules na Coruña (1995), así como as esculturas do Parque da Música de Santiago de Compostela ou do Paseo das Palmeiras en Pontevedra. Ten obras no Museo Provincial de Lugo, no Museo de Belas Artes da Coruña, no Municipal Museum de Dublín ou no Fondo de Arte Contemporánea de París, entre outros. Recibiu a Medalla de Prata da Bienal de Pontevedra (1979) e o Premio da Crítica (1992).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Ponteareas