Rivas Barros, Manuel
Escritor e xornalista. Licenciado en Ciencias da Información en Madrid, participou na fundación da revista Loia, onde publicou as súas primeiras poesías, e colaborou con distintos medios de comunicación, como Teima, Man Común e A Nosa Terra. Foi subdirector de Diario de Galicia e xefe de cultura de El Globo. Director da revista Luzes de Galicia e correspondente do diario El País. O conxunto da súa escrita, -algunha das súas obras está traducida a 21 linguas-, caracterízase pola creación de personaxes que rachan os estereotipos costumistas. Sexa cal sexa a súa orixe, son persoas que teñen vida de seu, que se rebelan contra o destino, protagonizando moitas veces experiencias límites. Son seres en movemento, en conflito, que provocan tamén unha excitación no que os rodea, na paisaxe, e na forma de expresión. A tradicional dualidade cidade-campo, rural-urbano, substitúese por un novo urdido social e cultural onde o relevante é a contradición entre comunicación e incomunicación, a soidade e a vontade de ‘re-existencia’. Por outra banda, o autor móvese para procurar a solución das múltiples carencias que existen na sociedade urbana. Os seus textos, dotados dunha grande axilidade e ritmo, e con certas doses de humor e ironía, están cheos de símbolos, mentres que os seus personaxes, malia estar marcados en moitas ocasións pola fatalidade, procuran aferrarse ao que lles queda de esperanza para non perder a súa dignidade. No eido da crónica política, publicou Os partidos políticos na Galiza (1977), con I. Taibo, e Informe dunha frustración (1980), con J. A. Gaciño. Na mesma liña elaborou distintas reportaxes en que presenta elementos da realidade de Galicia e do mundo, ocasionalmente cunha pretensión xeneralizadora, adornados cunha prosa lírica, como reflicten Galicia, el bonsai del atlántico (1989), No mellor país do mundo (1991), Toxos e flores (1992, Premio Fernández Latorre 1991), Galicia, Galicia (1999) e Muller no baño (2002). En poesía, é autor de Libro do Entroido (1979), en que introduce certas doses de humanismo, aventura, épica e ironía; Anisia e outras sombras (1981), en colaboración con Xavier Seoane; Balada nas praias do Oeste (1985), en que agroma a súa preocupación por Galicia; Mohicania (1987), na liña do anterior e onde xorden os espazos míticos e elexíacos co protagonismo dunha natureza humanizada e ameazada polos excesos do home; Ningún cisne (1989, Premio Leliadoura), onde reflicte a simbiose entre o mundo rural e o urbano; e Costa da morte blues (1994). Reuniu toda a súa obra poética en O pobo da noite (1996) e Do descoñecido ao descoñecido (Obra poética 1980-2003) (2003). No apartado narrativo, cómpre salientar a novela curta Todo ben (1985), onde insere elementos do xornalismo deportivo nunha narración áxil e chea de misterio, aventuras e exotismo. A esta uníronselle o libro de relatos Un millón de vacas (1989, Premio de la Crítica Española 1990) e a novela Os comedores de patacas (1993), onde aparecen dous mundos contrapostos, o urbano das drogas e o rural que pode posibilitar a reinserción. Posteriormente, tirou do prelo a novela En salvaxe compaña (1994, Premio da Crítica Galicia), en que narra a loita dunha muller de orixe campesiña por liberarse das limitacións impostas e mesmo do maltrato. Mediante a liberación sensorial; o libro de relatos Que me queres amor? (1996, Premio Nacional de Narrativa e Premio Torrente Ballester 1995), que constitúe a base do filme A lingua das bolboretas (1999), de J. L. Cuerda; a novela xuvenil Bala perdida (1996); a novela O lapis do carpinteiro (1998, Premio de la Crítica Española e da Asociación de Escritores en Lingua Galega), que tamén foi levada ao cine nunha produción (2003) dirixida por Antón Reixa; e os libros de relatos Ela, maldita alma (1999), en que aparecen distintas representacións da alma; A man dos paíños (2000), unha experiencia ao límite entre náufragos e emigrantes; As chamadas perdidas (2002), onde os personaxes se acollen á esperanza que lles queda para loitar contra a adversidade e a tristeza; e Contos de Nadal (2003).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Coruña