Rivas Quintas, Elixio
(A Abeleda, Xunqueira de Ambía 31.8.1925) Relixioso e escritor. Membro da Congregación da Misión, doutorouse en Filoloxía Románica coa tese Toponimia de Marín (1979). Cofundador da Asociación Galega de Onomástica e da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago, da que foi primeiro presidente, investigou sobre distintos temas da cultura galega (lingua, etnografía, arqueoloxía, historia, etc). Algunhas das súas contribucións de carácter onomasiolóxico, que conteñen vocabulario de recolla propia do autor ou doutras fontes, están agrupadas na colección Léxico rural do noroeste hispánico das que se publicaron títulos como Tear, tecido e complementos (1992), Millo e hórreo, legumia e cestos (1996), Ferramenta e labranza manual (1997), O muíño (1997), Os castiñeiros e as castañas (1997), O forno do pan (1998) e A auga na natureza (2000). Entre as obras lexicográficas destacan as súas achegas subtituladas Contribución al dicionario gallego, recollidas nos volumes Frampas (1978) e Frampas II (1988), en que se reúnen voces principalmente das provincias de Ourense e de Pontevedra (sobre todo de Marín, onde exerceu a docencia). Unha terceira entrega, Frampas III, inédita, foi recollida e incorporada (2001) ao Dicionario de dicionarios. Entre as tres Frampas suman preto de 18.000 entradas, a maioría delas non recollidas nos dicionarios anteriores ou, se recollidas, con acepcións diferentes ás das contribucións de Rivas. Tamén publicou A Limia (Premio Otero Pedrayo 1980), La Ruta de la Arnoya (1986), Lingua galega: historia e fenomenoloxía (1989), Onomástica persoal do noroeste hispánico (1991), Lingua galega: niveis primitivos (1994) e Terra das frieiras (2002). Foi nomeado académico correspondente da Real Academia de la Historia (1985). Recibiu o Premio Taboada Chivite (1988) e a Medalla Castelao (2000).