Robbia, della

Robbia, della

Familia de escultores e ceramistas italianos dos ss XV e XVI. Luca della Robia (Florencia 1400?-1482), foi posiblemente discípulo de Ghiberti. A súa primeira obra coñecida foi unha Cantoria (1431-1438) para a catedral de Florencia. Realizou relevos, de tema relixioso, con figuras brancas sobre fondos azuis de cerámica vitrificada entre os que destacan a Madonna delle rose, a Madonna della mela, a Madonna Frescobaldi e a Madonna do Ospedale degli Inocenti. O seu sobriño e discípulo, Andrea della Robbia (Florencia 1435-1528), divulgou as cerámicas vitrificadas. Fixo os medallóns con putti da fachada do Ospedale degli Inocenti (1463) e Madonna e i santi, da portada do Ospedale di Pistoia. O seu fillo, Giovanni della Robbia (Florencia 1469-1529), especializouse en motivos ornamentais, e foi o posible autor de obras menores atribuídas ao seu pai. Girolamo della Robbia (Florencia 1488?-París 1566), tamén fillo de Andrea, traballou en Francia ao servizo de Francisco I e decorou os castelos de Madrid, no Bois de Boulogne, e de Fontainebleau.