Rodas
Illa grega do Mar Exeo, a máis grande do arquipélago do Dodecaneso (87.831 h [1981]). A súa capital é Rodas. As súas costas teñen un perímetro de case 400 km. Constituída por rochas calcarias mesozoicas, elévase nalgúns puntos ata os 1.200 m. Está recuberta en boa parte por bosques de coníferas, e ten cultivos preto das costas. De clima mediterráneo, con temperaturas que oscilan entre os 13°C no inverno e os 25°C no verán, a súa pluviosidade é escasa. Produce e exporta tabaco, algodón, figos, cítricos, aceite de oliva e viño. Na Antigüidade foi habitada por colonos dóricos na segunda metade do segundo milenio a C, e foi unha gran potencia. Sometidos polos persas, os seus habitantes combateron contra os gregos en Salamina (480 a C), pero cando obtiveron a liberdade adheríronse á Liga Délica. Foi sometida por Alexandre o Grande (332 a C) ata a súa morte, tras a que se proclamou independente. Chegou a ser unha gran potencia naval e Diocleciano fíxoa cabeza da provincia insularum. A finais do s IV pasou a depender de Bizancio e permaneceu baixo o seu dominio ata 1204. Vignolo de Vignoli, corsario xenovés e almirante de Andrónico II, ofreceulle a illa ao gran mestre da orde do Hospital de San Xoán de Xerusalén, quen dominou a illa desde 1309 ata 1522. A partir deste momento entrou en decadencia, e baixo a tutela turca viuse de todo abandonada. Ocupada polos italianos en 1912, quedou no seu poder ata 1947, ano en que, xunto co Dodecaneso, volveu a ser grega.