Rodrigu’Eanes de Vasconcelos

Rodrigu’Eanes de Vasconcelos

Trobador portugués, fillo de João Pires de Vasconcelos e de Maria Soares Coelha, sobriño do trobador Johan Soarez Coelho e irmán do bispo de Lisboa, Estevão Anes. Casou con Mécia Rodrigues de Penela e tivo como fillos a Mem Rodrigues de Vasconcelos, meiriño maior do reino, e Nuno Rodrigues, mordomo de Afonso Sanchez. Aparece mencionado nas Inquirições de 1258 e 1288. Da súa produción constátanse dúas cantigas de amor e unha de amigo no Cancioneiro da Biblioteca Nacional e tres composicións de amigo no Cancioneiro da Vaticana. Estas últimas presentan certa homoxeneidade, especialmente no aspecto temático, pois tratan unha confidencia lírico-dramática arredor dos termos ‘pedir ben/fazer ben’. En “Preguntei ua don[a] en como vos direi” prodúcese un diálogo entre o trobador e a senhor, enclaustrada nun convento, onde ela sente moito pesar e di que non vai renunciar ao amor humano. Trátase dun tema pouco común na lírica galego-portuguesa, pero si habitual noutras literaturas medievais. En “Aquestas coitas que de sofrer ei”, malia ser outra cantiga de amigo presenta trazos típicos do xénero de amor; nela a senhor goza dun sentido algo ambiguo, que algúns estudosos sinalan como homosexualidade. Nas súas composicións obsérvase o uso que fai das figuras de pensamento e sintaxe, como a dubitatio, a interrogación retórica, a aequivocatio, a antítese e a ironía.