Rodríguez, Simón
Arquitecto. Foi discípulo de Domingos Antonio de Andrade nas obras da catedral de Santiago de Compostela e mestre de obras desde 1701. Representou unha nova liña dentro do decorativismo barroco, cun marcado carácter xeométrico e máis realista nos temas vexetais, acentuando o grosor e volume das placas e obtendo unha considerable sensación espacial. Dirixiu a reedificación de San Fiz de Solovio e a construción dos derrubados Cuarteis do Barrio da Cerca (1703-1707). Proxectou a igrexa de Santa María de Dodro (1719) e encargouse da dirección das obras do convento de Santa Clara ata 1730. Realizou retablos como o da capela da Prima (1721) da catedral de Santiago de Compostela e os retablos maior (1727) e de San Francisco de Borja e San Luís Gonzaga (1735) na igrexa da Compañía de Xesús. Entre 1729 e 1737 realizou a capela do Santo Cristo no convento de Santa María de Conxo. Continuou a traballar para a catedral compostelá, como a Casa de Exercitantes, e entre 1740 e 1752 realizou a igrexa de San Francisco de Santiago de Compostela, a capela da Orde Terceira na Coruña e a igrexa de Santa Clara de Allariz.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Santiago de Compostela -
Deceso