Rodríguez Corredoira de Castro, Xesús

Rodríguez Corredoira de Castro, Xesús

(Lugo 1887 - Santiago de Compostela 1939) Pintor. Coñecido como Xesús Corredoira, formouse na Real Academia de San Fernando de Madrid e nos talleres de Cecilio Plá (ata 1906) e de J. Sorolla (1906-1909). Aínda que partiu do costumismo (Muller galega, 1905), manifestouse como un pintor achegado á estética do simbolismo. En 1910 regresou a Lugo e acrecentou esa visión, aínda que marcada por un certo misticismo relixioso-idealista (A Sagrada Familia, 1911). Os seus cadros, de gran formato, mesturaron influencias do prerrafaelismo e do simbolismo. Representou as figuras cun canon alongado, remarcado polas mans, os rostros pálidos e angulosos e as roupaxes escuras, moi achegados á estética do Greco (Orantes, Seminarista). Os volumes planos sobre fondos negros, a austeridade cromática, os escenarios sombríos e, ás veces, anacrónicos, redundan nun mundo cargado de solemnidade litúrxica (Santeiro). Desta época destaca o retrato Española (1925). Das súas viaxes por Francia e Bélxica recolleu a influencia da pintura flamenga e máis adiante residiu en Sudamérica, ata 1929, cando regresou enfermo para instalarse en Santiago de Compostela. Os problemas económicos repercutiron na produción dunha obra retratística de encargo (Retrato do neno Juan A. Fernández, 1938), onde seguiu manifestando a súa busca de elementos anímicos da fisionomía dos retratados. Recibiu a Segunda Medalla na Exposición Nacional de Bellas Artes (1917) con Schola Cantorum Compostelae.