Rodríguez de Silva y Velázquez, Diego

Rodríguez de Silva y Velázquez, Diego

Pintor. Coñecido como Velázquez, iniciouse no mundo artístico nos obradoiros sevillanos de Francisco de Herrera o Vello e Francisco Pacheco, sogro seu desde 1618. Na súa etapa sevillana (1617-1623) achegouse ao tenebrismo, influído por Caravaggio, e abordou a temática do bodegón (La vieja friendo huevos, 1619; El aguador de Sevilla, 1620), o retrato (Góngora, 1622) e as escenas relixiosas (Cristo en casa de Marta e María, 1618; La Adoración de los Magos, 1619), que se caracterizaron ademais de pola tendencia á representación obxectiva, pola modelaxe rotunda e o uso dunha gama cromática limitada. Tamén foi frecuente a representación de modelos extraídos da rúa ou da súa familia como protagonistas dos seus cadros. Desde 1623, coa axuda do seu sogro, trasladouse a Madrid, onde pasou a ocupar importantes cargos artísticos e administrativos na corte de Filipe IV. Foi nomeado pintor do rei, pero ademais dos retratos cortesáns (Filipe IV, 1623; Retrato ecuestre de Don Gaspar de Guzmán, conde-duque de Olivares, 1625-1626), nos que deu unha progresiva aclaración da paleta, pintou cadros de temática mitolóxica (El triunfo de Baco ou Los borrachos, 1628-1629). A influencia de Rubens, con quen trabou amizade cando este visitou Madrid en 1628, impulsouno a realizar dúas viaxes a Italia. Da primeira estancia (1629-1630) destaca a pintura La fragua de Vulcano (1630). Ao seu regreso a Madrid pintou Cristo crucificado (1632) e encargouse do programa decorativo do salón de Reinos do Palacio del Buen Retiro, no que incluíu Las lanzas ou La rendición de Breda (1634-1635) e unha serie de retratos ecuestres dos que destacaron os de Filipe IV e o do Príncipe Baltasar Carlos a caballo (1635). Desta década tamén son as súas representacións de bufóns (Pablo de Valladolid, Calabacillas). En 1643 foi nomeado axuda de cámara (1643) e en 1644 superintendente das obras da coroa. Durante a súa segunda viaxe a Italia (1649-1651), ademais de comprar diversas obras de arte para a colección real española, pintou numerosos retratos, entre os que destacaron o do Papa Inocencio X (1649) e o do seu criado Juan de Pareja (1650). Novamente en Madrid (1651), ocupou o cargo de apousentador de palacio (1652). Na última década da súa vida realizou as súas obras máis recoñecidas: Mercurio y Argos (1952), La fábula de Aracne ou Las hilanderas (1656) e Las Meninas (1656).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Sevilla

  • Deceso

    Lugar : Madrid