Rodríguez Fer, Claudio

Rodríguez Fer, Claudio

Poeta, ensaísta e crítico literario. Licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela (1978), membro do consello de redacción do Boletín galego de literatura e do Anuario de estudios literarios galegos, e colaborador en diversas publicacións periódicas, como A Trabe de Ouro e Grial, editou diversos estudos sobre autores destacados da literatura galega, española e hispanoamericana, como Jorge L. Borges, Álvaro Cunqueiro, X. L. Méndez Ferrín, Uxío Novoneyra e José Ángel Valente. Da súa obra investigadora destacan A Galicia misteriosa de Ánxel Fole (1981), Antonio Machado e Galicia (1989), Poesía galega: crítica e metodoloxía (1989, Premio Losada Diéguez) e A literatura galega durante a guerra civil (1994); e no apartado da crítica literaria Arte literaria (1991), Comentarios de textos contemporáneos (1992), Comentarios de textos populares e de masas (1994) e Guía de investigación literaria (1998). No eido narrativo publicou Meta-relatos (1981), Fábula fauna (1984), Contos eróticos (Eles) (1990) e Elas e bestas (2002); e no apartado de memoria, O muiñeiro misterioso (2005) e A bela mestra (2005). Inspirado na lírica galego-portuguesa, na súa poesía bebe das fontes medievais para procurar os aditamentos cos que construír os seus poemas, cheos de elementos e temas contemporáneos. Noutras composicións procura, a través da intextualidade, enlazar cos autores hispanoamericanos empregando trazos en común a estes. Chea de referencias a Catulo, Hölderlin, Rilke, E. Pound e T. S. Eliot, concibe a súa obra poética como un medio para o coñecemento dunha realidade en que o amor é un elemento esencial. A identificación co amor, levado ata o erotismo, vén da man da muller, pois as personaxes femininas -Galicia sería unha das encarnacións dese ideal de amor-, poboan a práctica totalidade das súas composicións. En canto aos recursos estruturais, adoita utilizar a musicalidade e o ritmo xunto a profundas descricións, ademais doutros elementos de carácter surrealista. Dos seus poemarios destacan Poemas de amor sen morte (1979), Tigres de ternura (1981, Premio de la Crítica Española), Cinepoemas (1983), en que lembra aqueles filmes que máis lle impresionaron; Historia da lúa (1984), onde se achega ao mundo feminino a través do mito; A boca violeta (1987), Lugo blues (1987), onde se achega á súa cidade desde unha perspectiva culturalista; Vulva (1990), en que recompila os poemas de carácter erótico; Cebra (1991), A muller núa (1992), Extrema Europa (1996), A unha muller descoñecida (1997), Rastros de vida e poesía (2000), Moito máis que mil anos (2000), A vida. Gravados sobre corpo (2002) e A loita continúa (2004).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Lugo