Rodríguez González, Eladio
Poeta, xornalista e lexicógrafo. Comezou a súa actividade como mestre nas terras onde naceu, ata que se trasladou á Coruña, onde exerceu como funcionario do concello (1888-1937). Compatibilizou o traballo administrativo co xornalismo, e dirixiu os diarios La Mañana e El Noroeste, o suplemento cultural deste último Terra a Nosa!, e foi correspondente de ABC e colaborador en O Tío Marcos d’a Portela, Alfar, A Monteira, Nós, A Nosa Terra, Revista Gallega, Suevia, Vida Gallega e Galicia. Durante esta época concorreu a diversos certames literarios con composicións que resultaron premiadas en Betanzos (1887), Tui (1891) e Santiago de Compostela (1915), e elaborou unha serie de pequenas pezas dramáticas en castelán e a Guía de Galicia para el turista (1917). Ao longo de todos estes anos preparou a que foi a súa obra máis importante, o Dicionario enciclopédico gallego-castellano, coñecido como O Eladio, editado entre 1958 e 1961, con prólogo de R. Otero Pedrayo. Constitúe unha obra monumental dentro da lexicografía galega e converteuse nunha referencia básica para os dicionarios posteriores. Realizou unha colleita baleirando fontes e xuntou 45.673 entradas, que definiu pormenorizadamente e ilustrou con refráns e cantigas populares e outro material de interese lingüístico e etnográfico (esténdese detalladamente nas voces de crenzas e costumes galegos). Aínda que a maior parte das voces pertencen ao mundo rural e mariñeiro, tamén destacan as entradas e contidos referidos a botánica e zooloxía, así como notas relacionadas coa arqueoloxía e a xeoloxía. Non declara as fontes (nin remite ao lugar en que cada autor usa a palabra fichada e exemplificada) pero menciona nomes como Cotarelo, L. Ferreiro, Carballo Calero, García Ferreiro, Prado Lameiro, Bouza, Rodríguez López, Cabanillas, Leiras, Amado Carballo, Carré Alvarellos, Lamas, Otero, Benito Losada, Pérez Placer, Saco, Risco, García Barros ou Aureliano Pereira. Aínda que o título manifesta que é un dicionario enciclopédico, non recolle como entradas nomes propios e tampouco describe as cousas (en xeral) senón o contido das palabras; polo tanto, é máis dicionario de lingua ca enciclopédico. Ofrece como novidade moita información gramatical: desde a pronuncia de certas “letras” ata certos trazos elementais da sintaxe, pasando pola conxugación completa dos verbos irregulares máis frecuentes. O texto publicado non se corresponde co orixinal escrito en cuartillas á man polo autor. A versión que se tomou como base para a edición (que seguramente é unha versión reducida doutra máis grande en número de entradas e en pormenores semánticos e que debía de estar acabada nos primeiros anos da década de 1930) foi reducida por razóns económicas a tres volumes. O encargado desta escolla foi Ramón Piñeiro, quen dispuxo o material definitivo que ía ser impreso. Para compensar esta eiva, os editores engadiron un apéndice, con 4.639 voces novas, cunha recolla de voces debidas ao que ata daquela publicara Aníbal Otero (1962) ou a vocabularios que R. Piñeiro e correspondentes -entre eles estaban Cesáreo Saco, Ánxel Fole, U. Novoneyra, B. Graña, X. L. Méndez Ferrín e X. L. Franco Grande- recolleran en Láncara, O Courel, O Incio, Lemos, Cangas e Tebra. Como poeta, móvese no grupo de autores que cultivaron a súa obra no período de transición cara ao s XX e pódese incluír dentro da escola da primeira época de Cabanillas. Da súa obra poética destacan Folerpas (1894), en que presenta temas campesiños cunha estética costumista aproveitando recursos de estilo da obra de Curros Enríquez; e Oracións campesiñas (1927), con portada de Castelao, onde inclúe unha ducia de poemas, moi coidados no aspecto léxico e sintáctico, que xa apareceran no folleto Raza e Terra (1922) da colección Céltiga. Foi socio fundador e presidente da Asociación de Prensa (1904) na Coruña, membro da Liga Galega da Cruña (1897) e das Irmandades da Fala (1916), presidente e fundador do coro Cántigas da Terra (1917), académico correspondente (1927) da sección galega da Real Academia Española, membro do Instituto Histórico do Minho, e membro fundador (1905), secretario (1920) e presidente (1926-1934 e 1944) da Real Academia Galega. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas (2001).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : San Clodio, Leiro -
Deceso
Lugar : A Coruña