Rodríguez López, Antonio
Xornalista e escritor. Coñecido como Antón Lopo, realizou traducións ao galego de Oscar Wilde, Vikram Seth e Hafez Shirani, e coordinou a sección cultural AFA e o suplemento “Revista das Letras” de O Correo Galego. Foi un dos cofundadores do Laboratorio de Indagacións Poéticas, co que participou en diversos espectáculos, como o libro de poemas orais Prestidixitador (2001). No campo da investigación publicou Fermín Bouza Brey. Unha Fotobiografía (1992) e Guía de Santiago de Compostela (1993), ademais do ensaio Mishima, que existiu nunca (1995). Na súa obra poética, caracterizada polo verso libre, distánciase do propio eu e converte o poeta nun elemento máis da composición, dándolle protagonismo ao mundo que o rodea e deixando nun segundo lugar as súas vivencias. Concibe unha poesía desenfadada e amena, centrada no cotián, onde inclúe abundantes elementos narrativos, xogando coa ironía e a provocación. É autor dos libros de poemas Sucios e desexados (1988), Manual de masoquistas (1990), Á sombra dos rapaces mexando (1995), Om (1996), Pronomes (1999) e Fálame (2003); e das novelas As reliquias (1991, Premio Café de Catro a Catro), O riso de Isobel Hill (2000) e Ganga (2001).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Monforte de Lemos