Rodríguez Reixa, Antón
Músico, escritor e produtor audiovisual. Coñecido como Antón Reixa, licenciouse en Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela, onde entrou en contacto coas vangardas artísticas do momento. En 1975 fundou, xunto con Alberto Avendaño, Manuel Romón e Camilo Valdehorras, o Grupo de Comunicación Poética Rompente, co que publicou as obras Silabario da turbina (1978), As ladillas do travesti (1979) e A dama que fala (1983). A comezos da década de 1980 iniciou un achegamento a distintas formacións musicais como Siniestro Total e fundou, en 1982, o grupo de rock Os Resentidos, do que foi vocalista. Durante estes anos colaborou con outros intérpretes e formacións musicais, como Henrique X. Macías, Bibiano, Xosé Manuel Piñeiro, Na Lúa e La Fura dels Baus. En 1995 comezou un novo proxecto musical coa creación do grupo Nación Reixa, que tivo unha proxección nacional, e colaborou con grupos como Negu Gorriak. Director e presentador de programas en Radio Voz e Onda Cero, columnista en Diario 16 e La Voz de Galicia, colaborou na revista El Dominical. Durante esa etapa escribiu obras de teatro, realizou programas de radio e comezou a súa carreira no sector audiovisual. Socio fundador e presidente da produtora de cine e televisión Filmanova, das súas videocreacións destacan Salvamento e socorrismo, Chove contra pasado, Electra, Episodios Familiares, Ecus de amor, Nordesía, Cuota de pantalla, Estarán vivos? e Serán de pedra? En 1998 dirixiu as series televisivas Mareas Vivas, de grande éxito na TVG, e Galicia Exprés. Produtor de numerosos videoclips, dirixiu e presentou o programa de televisión Sitio Distinto, da TVG, e puxo en marcha para esa mesma canle o concurso Supermartes. Posteriormente, en 1999, fundou a produtora Portozás Visión, coa que produciu o filme Lena (2001), dirixiu a adaptación da novela de Manuel Rivas O lapis do carpinteiro (2003) e produciu a longametraxe O ano da carracha (2004). Tamén actuou nas longametraxes Era outra vez (2000), de Juan Pinzás; Lena (2001), de Gonzalo Tapia; e Canícula (2002), de Álvaro García Capelo. No ámbito da literatura publicou Historia do rock and roll (1985, Premio Galicia), Transporte de superficie (1990), en que incluíu relatos moi breves; e Ringo rango (1992), en que recompilou poemas, relatos e ensaios onde se inseriron os textos do cartafol Días contra fotocopias (1987). En Viva Galicia beibe (1994) incluíu todas as súas letras musicais e o libreto da opereta-rock After Shave (1986). No apartado teatral escribiu a obra Gulliver F. M. (1985), estreada polo grupo Teatro Artello; e Doberman (1994), con Teatro do Morcego.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Vigo