Rodríguez Ruibal, Euloxio

Rodríguez Ruibal, Euloxio

Dramaturgo, guionista e escritor. Director das galerías de arte Torques e Citania en Santiago de Compostela e codirector da revista de estudos artísticos e literarios Citania, impartiu cursos de formación sobre escritura dramática e audiovisual nas tres universidades galegas. Colaborador do grupo Ditea e fundador do grupo de teatro Obradoiro e do equipo de cine Lupa, participou en numerosos congresos e actos culturais. Ademais, foi xurado en diversos premios literarios e artísticos, comisario en máis de 200 exposicións e colaborou en revistas especializadas, como Grial, Ensaio, Assaig de Teatre e Acotaciones, e en gran parte da prensa de Galicia. Da súa produción escrita destacan -ademais de abundantes recensións críticas e estudos teatrais en publicacións e libros colectivos-, en teatro, Zardigot (1974, Premio Abrente 1973), unha parábola da guerra protagonizada por unha serie de personaxes marcados pola violencia e estreada polo Teatro Circo; A sonada e proveitosa enchenta do Marqués Ruchestinto no derradeiro século da súa vida (1975), en que afonda na visión tremendista de Zardigot; O cabodano. Cousas da morte. A sombra do bon cabaleiro (1977), Teatro infantil (1988), Brinquemos ao teatro (1990), Azos de esguello (1990, Premio Álvaro Cunqueiro), onde trata os temas do abuso do poder e dos indianos que regresan á súa terra; Teatro mínimo, CEDG (1991), Unha macana de dote (1991), en que os animais son os protagonistas; Teatro infantil e xuvenil (1992), Maremia (1996), O son da buguina (1999) e Luscofusco (2000); en narrativa, A fantástica viaxe de Sabela (1992), De corpo enteiro (1994) e Casarriba (2000); en ensaio, Xogo de máscaras. Escritos sobre o teatro galego (2003); e os guións de curtametraxes Maruxía (1998) e Baile de máscaras (2001). En 2005 foi elixido membro da Real Academia Galega.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Ordes