Rodríguez Zapatero, José Luis
Político e avogado. Afiliouse ás Xuventudes Socialistas no ano 1979, chegando a ser secretario da organización en León. En 1986 acadou un escano no Congreso pola provincia de León, converténdose no deputado máis novo, escano que mantivo nas sucesivas eleccións a cortes xerais. Formou parte das comisións de Xustiza e Interior, Constitucional, do Defensor do Pobo e de Administracións Públicas, na que era portavoz do seu grupo. No V Congreso provincial do PSOE (1988) é elixido Secretario Xeral da Federación Socialista Leonesa. Reelixido en 1994 e 1997, neste último ano entrou como vogal na Executiva Federal, máximo órgano do PSOE. No ano 2000 decidiu presentarse candidato a secretario xeral deste partido, creando para iso unha nova corrente, centrista e liberal, chamada Nueva Vía, inspirada no laborismo británico de Tony Blair e a socialdemocracia alemana de Gergard Schröeder. Gañou o posto o 22 de xullo dese ano, por escasa marxe, grazas ao apoio dos socialistas cataláns. A súa elección conseguiu pechar a grave crise en que estaba sumido o PSOE dende había catro anos. Como líder da oposición propuxo pactos en temas fundamentais, coma o terrorismo, aínda que máis adiante se enfrontou ao goberno de Aznar en temas como a Lei de Estranxeiría, desemprego, LOCE e LOU. Tamén foi moi duro co apoio prestado polo PP á invasión de Iraq (2003), e de feito no seu programa electoral asegurou que se gañaba as eleccións retiraría as tropas españolas dese país. Tamén criticou a xestión da crise do Prestige (2002) e o crecemento do prezo da vivenda. As explosións en varias estacións de tren madrileñas o 11 de marzo do 2004, tres días antes das eleccións xerais, e as divisións entre os dirixentes políticos sobre a autoría das mesmas foron un factor que desestabilizou moito a campaña. Aínda que o PP de Mariano Rajoy partía con vantaxe nos sóndeos preelectorais, os resultados deron a vitoria ao PSOE, sen maioría absoluta. Iso obrigou a Zapatero a buscar pactos con outras formacións políticas minoritarias. Desa primeira lexislatura (2004-2008), destacan as políticas sociais, coma a legalización do matrimonio entre persoas do mesmo sexo e a axilización do Divorcio (ambas do 2005), a lei da Dependencia (2006) e outras. O primeiro que fixo tras ser nomeado presidente foi retira-las tropas de Iraq, o que levou a un enfriamento das relacións con EE.UU. Tamén foron polémicos a súa primeira xestión do terrorismo, cun intento fracasado de diálogo (2006), e os enfrontamentos coa Igrexa Católica en varios temas fiscais (obriga de paga-lo IVE), educativos (asignaturas de Cidadanía e Relixión) e sociais (leis do matrimonio homosexual e do aborto). O 9 de marzo do 2008 o PSOE gañou de novo as eleccións xerais, con máis deputados (169) aínda que sen acada-la maioría. Na presente lexislatura, o presidente Zapatero ten que enfrontarse cunha grave crise económica mundial que afecta seriamente ao noso país.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Valladolid