Roi Fernandiz, clérigo de Santiago

Roi Fernandiz, clérigo de Santiago

Trobador e clérigo galego. Activo no segundo terzo do s XIII, pertenceu á familia do abade de Valladolid Gomes Garcia, valido de Sancho IV e tamén trobador. Nomeado capelán por Afonso X, asinou o seu testamento o 16 de Nadal de 1273. Aínda que nas súas composicións femininas inseriu o tema da partida do amado cara a Sevilla para servir o rei, non se sabe con certeza da participación do autor na toma da cidade. Precisamente vai ser este o tema central das súas composicións de amigo, onde sinala de forma cronolóxica os diferentes estados de ánimo de antes e despois da separación. O amado, farto do sufrimento pola muller, decidiu partir en “Conhosco-me meu amigo”; pola súa parte, a amada pide á nai reunirse por última vez en “Madre, pois amor ei migo” e “Se vos non pesar ende” ou a nai participa da dor da filla e esta láiase da marcha do amado en “Id’ é meu amigo d’aqui”. Nas cantigas de amor, onde emprega unha coidada retórica e algunhas innovacións estilísticas e temáticas, destacan “De gram coyta faz gram lezer” e “Ora começa o meu mal”. Pola súa velocidade rítmica salienta “Des que eu vi” e polas súas connotacións a barcarola “Quand’eu vejo las ondas”, que lembra o estilo de Martin Codax e Mendinho, cos que puido ter algunha relación.