Roi Paez de Ribela
Trobador probablemente galego, fillo de Pai Soares de Ribela. Localizado nun documento contractual do 6 de novembro de 1283 en Monfero, na Coruña, en que lega os seus haberes ao abade Johan Perez, hai constancia do seu nome en diversos mosteiros ourensáns, onde existen referencias a cabaleiros e escudeiros relacionados con Ribela. Segundo as indicacións expresadas na súa primeira cantiga de maldicir, poderíase relacionar con Sevilha Enriquez, quen aparece en diversos documentos dos anos 1258, 1280 e 1282 en que recibe doazóns de Afonso X; ademais hai referencias a Fernand’Escalho, un xograr acusado de ser homosexual. Pola súa vinculación a Pero Garcia Burgalês e Pero Garcia de Ambroa poderíase afirmar que frecuentou a corte de Afonso X. Outros afirmarían a súa vinculación á corte de Afonso III. Atribúenselle trece cantigas de amor, en que aparecen numerosos adornos retóricos, xunto a un innovador esquema rítmico e estrófico. Nestas composicións trata os tópicos da coita de amor, a timidez do amante, a distancia da senhor, etc. Destacan “Os que mui gram pesar virom, assy”, en que trata de forma irónica o ‘morrer d’amor’; e “Por Deus, ay dona Leonor”, en que identifica a amada. Nas oito cantigas satíricas sobresae o seu humorismo, ao inserir un refrán de corte amoroso nun contexto paródico, como en “Mala ventura mi venha”. Noutro caso realiza unha sátira da alba e substitúe a separación dos amantes por unha orxía entre unha soldadeira e uns rapaces.