Roi Queimado
Trobador portugués. Activo na segunda metade do s XIII, mantivo relación con diferentes autores, como Johan Garcia de Guilhade e Pero Garcia Burgalês. O nome deste pequeno nobre rural apareceu nas Inquirições de 1258 e puido estar ligado a Guiomar Afonso Gata, filla do rico-home Afonso Peres Gato e de Urraca Fernandes, esta última descendente de Egas Moniz. Autor de dezaseis cantigas de amor, catro de amigo e catro de escarnio, nas súas composicións destaca especialmente o ‘morrer de amor’, que manifesta de moi diferentes maneiras e que lle valeu diferentes críticas doutros autores, como Pero Garcia Burgalés, quen alabou ironicamente a súa facilidade para morrer de amor e ‘resucitar ao terceiro día’ en “Roy [Q]ueymado morreu com amor’. Na composición “Preguntou Joan Garcia” nomea a súa amada, co que rompe unha das convencións básicas do xénero, mentres que noutras manifesta os motivos da coita, que mesmo lle impiden durmir, como en “De mia senhor direi-vus que mi-aven”. Con respecto ás cantigas de amigo reproduce as fórmulas convencionais e nas satíricas dedícase á crítica a un infanzón pouco hospitalario en “O Demo m’ouvera oj’ a levar”, do que pensa vingarse. En “Querri’ agora saber de grado” ridiculiza a unha persoa que critica tanto os amigos, coma os inimigos.