Rojo Sánchez, Guillermo
Lingüista. Licenciado en filoloxía románica pola Universidade de Santiago de Compostela (1969) e doutor pola mesma Universidade (1972), cunha tese sobre as construcións perifrásticas verbais en galego contemporáneo, é catedrático de Lingua Castelá da Universidade de Santiago de Compostela (1981). Ocupou os cargos de vicerreitor e decano da facultade de Filoloxía desta universidade. Foi coordinador da área de estudos lingüísticos do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, onde dirixiu diversos proxectos de investigación como o Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA) ou Tradución Automática Español-Galego. Tamén dirixiu o Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega (1990-1994). Membro da Real Academia Española (2001) e secretario (2003), exerce como coordinador executivo do Corpus de Referencia del Español Actual (CREA) e do Corpus Diacrónico del Español (CORDE) e como investigador principal do Corpus del español sintácticamente anotado (2001-2004). Publicou varios traballos sobre teoría sintáctica e sintaxe do castelán, así como sobre a situación lingüística e sociolingüística galega e as actitudes lingüísticas do profesorado de ensino primario e lingüística computacional: Cláusulas y oraciones (1978), Aproximación a las actitudes lingüísticas del profesorado de E.G.B. en Galicia (1979), Aspectos básicos de sintaxis funcional (1983) e Fundamentos del análisis sintáctico funcional (1989), en colaboración con Tomás Jiménez Juliá. Os últimos anos centrou as súas investigacións nas construcións verbais mediante os procedementos da chamada “linguística baseada na análise de corpus”. Tamén colaborou en equipos de investigación que constrúen gramáticas formais do castelán para a súa aplicación a distintos produtos lingüísticos. Da primeira liña resultou a Base de datos sintácticos del español actual (dispoñible en Internet desde 2000) e da segunda, a contribución española ao proxecto Document Routing (Esprit 22716), rematado en 1999.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Coruña