romance

romance

(< lat romanĭce ‘enrománico’)

    1. adx

      Que deriva do latín.

    2. s m [LING]

      Lingua vulgar que se falaba nos países da Romania, cando xa se diferenciara claramente do latín e se sentía como unha lingua distinta del. O texto romance máis antigo, documentado na Romania arredor do s IX, é posiblemente a adiviña Indovinello Veronese, que se conserva nun códice da Biblioteca Capitolare de Verona, xunto cos Xuramentos de Estrasburgo, de mediados do mesmo século, contidos na Historia de Nitardo. Nos reinos cristiáns do N da Península Ibérica (agás Catalunya) a visión nítida dun latín distinto das linguas romances non se xeneraliza ata o primeiro terzo do s XIII, aínda que xa hai precedentes no s XII. No territorio galaico, a consciencia de que existía un falar romance diferenciado do latín exprésase xa nun documento de 1136 contido no Liber Fidei bracarense (“Dedit illis unum coopertorium lecti quod romane alifaf dicitur”). Décadas despois, o galego aparece como unha das linguas poéticas no descort plurilingüe de Raimbaut de Vaqueiras (ca 1197-1201), e arredor destes mesmos anos parece poderse datar a máis antiga cantiga profana de que se ten noticia, “Ora faz ost’o senhor de Navarra” (ca 1196), do trobador Johan Soarez de Paiva. Ao redor de 1290, nas súas Regles de Trobar, o catalán Jofre de Foixà recoñecía o “gallego” como unha das catro linguas internacionais da lírica trobadoresca da época (provenzal, francés, siciliano e galego). O filólogo portugués Luís F. Lindley Cintra conxectura que nos inicios do s XIII, con Afonso IX como rei de Galicia e León, debeu de redactarse para a vila leonesa de Castelo Rodrigo un foro extenso romanceado do que probablemente derivaría a copia (anterior a 1296) elaborada nunha variedade lingüística híbrida fundamentalmente galego-leonesa. Os primeiros textos romances non literarios escritos no Reino de Portugal son o Pacto de Gomes Pais e Ramiro Pais (arredor de 1173), a Noticia de fiadores (1175), de Paio Soares Romeu, e outros dous documentos que conteñen anotacións que se presumen feitas no mesmo 1175 ou incluso antes. Dos textos portugueses arcaicos destacan, ademais, a bracarense Noticia de Torto (ca 1214) e mais o Testamento de Afonso II (1214). Mais a práctica de escribir en romance non comezou a xeneralizarse ata a segunda metade do s XIII: no Reino de Portugal, auspiciada polos reis Afonso III e don Denís, e no Reino de Galicia coñécense algúns textos non literarios escritos en romance. En 1260, o Rei Afonso X decretou o emprego do vulgar nas escrituras públicas. Por outra parte, segundo Ramón Mariño, pode conxecturarse que entre os primeiros textos redactados con escritura romance galega puido haber tamén sermóns, ao estilo do que aconteceu en Francia ou Catalunya (Homílies d’Organyá, s XI-XII). Neste período histórico os documentos notariais convértense en fundamentais fontes para o estudo do romance na época anterior á da súa plena manifestación literaria, pois o seu latín transparenta a miúdo formas ou estruturas lingüísticas romances. Polo tanto, a eles e aos primeiros textos enteiramente románicos de finais do XII ou do s XIII hai que recorrer para rexistrar as primeiras documentacións das innovacións lingüísticas propias do galego arcaico. Deses textos destacan, ademais da Noticia de Torto, en que se recollen características dos falares galaicos meridionais, o Foro do bo Burgo do Castro Caldelas, dado por Afonso IX en 1228 (1228), a Venda dunha herdade en Sequeiros ou Compravenda de Melón (1231) e o Testamento de Estevo Pérez (1259).

  1. [LIT]
    1. s m

      Narración novelesca extensa, en verso ou en prosa, das aventuras dun heroe. O termo deriva da voz medieval francesa roman, aparecida no s XII e que expresaba primeiro unha simple versión na lingua romance de relatos novelescos latinos, e despois, os dunha literatura orixinal en lingua vulgar que desenvolvía en verso e, a partir do s XIII, en prosa diversas materias novelescas.

    2. s m

      Poema escrito en versos normalmente octosílabos con rima asonante nos pares e libre nos impares.

    3. romance de cego

      Narración en verso que era recitada ou cantada por cegos especialmente nas feiras e festas das vilas. A temática baseábase en feitos famosos, reais ou fantásticos. Coa imprenta púxose ao alcance do gran público a produción literaria oral e tradicional existente, á vez que se creou unha cadea comercial do impresor ao libreiro e ao cantador cego, que se pode considerar unha especie de continuador do xograr na Idade Media.

  2. s m

    Aventura amorosa.