romanceiro

romanceiro

(< romance)

  1. s m

    Colección de romances.

  2. s m [LIT]

    Conxunto de romances da literatura castelá e que constitúe propiamente un xénero exclusivo desta literatura. Provenientes da fragmentación da canción de xesta, os primeiros romances naceron a finais do s XIV, coa decadencia da épica, transmitidos tamén de forma oral. Os máis antigos chámanse vellos ou tradicionais, e os compostos a partir de mediados do s XVI, novos ou artísticos. Ademais da idade heroica castelá, o romanceiro nútrese tamén da épica francesa e, en menor proporción, do ciclo bretón. Nun primeiro momento foron impresos en pregos soltos e recolléronse por primeira vez no Cancionero de romances de Anveres, que está datado contra 1547. Non houbo outras compilacións ata chegar á gran colección do Romancero General (1600).
    A tradición antiga
    Das cinzas dos vellos cantares de xesta naceu, na Castela do s XIV, o romanceiro, xénero poético que chegou, a través do canto con ou sen acompañamento musical, a Catalunya e a Portugal a finais da Idade Media. Grazas aos testemuños literarios dos ss XV, XVI e XVII pódese comprobar a vitalidade do romance nas áreas de lingua catalá e portuguesa. A decadencia da literatura local na Galicia do s XV e a ausencia dun sistema literario culto en lingua galega ou en lingua castelá en Galicia durante os Séculos Escuros impiden saber cando se principiaron a coñecer os romances casteláns en terras galegas. A pertenza de Galicia ao Reino de Castela desde o s XIII permite supor que os romances comezaron a ser cantados no NO peninsular moi cedo, mais a carencia dunha corte en Galicia, fronte a Catalunya e Portugal, é un argumento contra a temperá recepción do romanceiro castelán. Sexa como for, débese lembrar —aínda que non poidan considerarse como bases seguras da difusión da poesía narrativa tradicional en Galicia— que foi un galego, o poeta e novelista Xoán Rodríguez del Padrón, un dos primeiros editores de romances tradicionais, ou que Lope de Vega, tan sensible á poesía cantada polo pobo, compuxo un arremedo de romance galego nun castelán salpicado de formas lingüísticas galego-portuguesas. En canto ao romanceiro catalán, os temas de orixe castelá, a maioría, conviven con temas autóctonos ou de procedencia francesa. A tradición romancista occidental só ofrece un romance propio, Flérida e Dom Duardos, que pasou do auto Dom Duardos de Gil Vicente (s XVI), para o acervo popular, e que foi recollido en época moderna en Portugal, en Castela e entre os sefardís de Marrocos. Tense considerado como vellos romances galegos o Cantar do Mariscal (A min chaman Toda Mira), a Canción do Figueiral ou o Saqueo de Cangas polos turcos, mais ningún dos tres foi cantado polas clases populares galegas. Nos dous primeiros casos, trátase de romances apócrifos compostos no s XVII, mentres que o terceiro non pasa de ser unha fabricación realizada na segunda metade do XIX polo escritor Xosé Ogea.
    Descuberta da tradición moderna
    O primeiro editor de romances galegos foi o médico ferrolán X. López de la Vega, que publicou algunhas versións do romanceiro máis superficial en 1865; con todo foi Manuel Murguía quen na Galicia do XIX máis se interesou polos romances do país. Murguía, despois de caracterizar na súa Historia de Galicia (1865) o pobo galego como unha raza celto-xermánica, afirmou que na cultura popular de Galicia era onde se localizaban as manifestacións non contaminadas das antigas razas. Como os romances tradicionais galegos desmentían pola súa orixe e pola súa lingua, castelá, esta caracterización, Murguía elaborou unha tradición galega falsa que chegou aos nosos días; así, defendeu a existencia dunha balada galega autóctona con romances celto-xermánicos (A Dama Gelda, O Canouro), ou nados á calor das peregrinacións a Santiago de Compostela (Gaiferos de Mormaltán). Aínda que admitía a presenza do romanceiro castelán en Galicia, isto non impediu que traducise os romances bilingües ou en castelán obtidos do saber tradicional, ou que pasase para a lingua galega romances que aparecían en obras castelás do s XVI. A manipulación lingüística e literaria dos textos foi práctica habitual da maioría dos editores galegos de romances do s XIX, práctica non descoñecida entre algúns estudosos galegos do XX. Uxío Carré Aldao e os seus fillos, Leandro e sobre todo Lois Carré Alvarellos, no seu Romanceiro Popular Galego de Tradizón Oral (1959), foron os principais continuadores de Manuel Murguía na edición e estudo do romanceiro tradicional galego. O enorme prestixio de Murguía na Galicia contemporánea e o carácter case totalmente inédito das grandes coleccións romancistas reunidas en Galicia, son as causas que explican a longa sobrevivencia do manifestado por Murguía respecto deste xénero da literatura oral. Os romances recollidos polo gramático ourensán Saco Arce antes de 1880 tardaron máis dun século en ser publicados, e colectáneas moito máis ricas como as conseguidas nas primeiras décadas do s XX por Vítor Said Armesto, Alfonso Hervella Courel, Aníbal Otero, Eduardo Martínez Torner e Xesús Bal y Gay, aínda esperan unha edición completa. En época máis recente, a etnomusicóloga Dorothé Schubarth e, principalmente, o Seminario Menéndez Pidal da Universidad Complutense de Madrid obtiveron a finais da década de 1970 e a principios da de 1980, máis de 4.000 textos de romance en diversas bisbarras galegas.
    Características da tradición romancista en Galicia
    O romanceiro galego é unha das pólas máis preciosas da canción narrativa tradicional panibérica, non só pola riqueza dos seus temas (máis de 160) e versións (máis de 6.000 desde mediados do s XIX), senón tamén pola conservación de vellos motivos e pola elevada tensión poética das novas variantes. Esta riqueza númerica e literaria dos textos non é exclusiva da tradición galega, é propia de toda a rexión de romances do NO, integrada ademais de por Galicia, polo N de Portugal, o occidente de Asturias e a montaña de Zamora e León. No saber do romance galego salientan xunto aos temas épicos, históricos e carolinxios, as magníficas versións dos romances cabaleirescos, o gran valor poético da maioría dos trinta romances vulgares, así como a pobreza numérica dos temas trobadorescos, burlescos e infantís. A maior parte do corpus do romanceiro galego está formado, en xeral, polos romances máis coñecidos na tradición hispánica: os temas folclóricos e os relixiosos. Aínda que as mulleres foron en Galicia, así como nas outras culturas populares de linguas ibero-románicas, as principais transmisoras de romances tradicionais, é característico da tradición oral galega o elevado número de homes posuidores dun excelente saber romancista. As provincias de Lugo e Ourense son as que mellor conservaron o romanceiro, estando emparentada a tradición lucense coas áreas veciñas de Asturias e León, mentres que os romances das bisbarras ourensás están vinculados ás rexións portuguesas setentrionais e ás terras occidentais zamoranas.
    O bilingüismo dos romances tradicionais galegos
    No romanceiro galego a presenza da lingua autóctona é reducida, e esta escaseza contrasta co actual monolingüismo en portugués da tradición de Portugal, coa notable participación da lingua catalá nos romances de Catalunya, Illes Balears e Comunitat Valenciana, ou coa case total ausencia de trazos das falas vernáculas nos romances das rexións de dialecto leonés. Esta pluralidade de bilingüismos evidencia as respectivas historias sociolingüísticas dos países ibéricos que non teñen o castelán como lingua vernácula. Nos romances galegos, a fala autóctona acostuma aparecer naqueles contextos máis propicios á renovación do discurso e do contido dos textos, como son os inicios, os finais, os diálogos, as frases sentenciosas e as amplificacións. Son poucos os temas que na tradición galega se transmiten nun monolingüismo en galego ou castelán, pois a maioría presenta diversos graos de bilingüismo, desde os temas con versións que ofrecen grandes contrastes na mestura de galego e castelán, ata os que apenas incorporan algúns galeguismos dispersos, pasando polos que se transmiten sempre nunha lingua híbrida, ou os que galeguizan os mesmos versos ou partes do texto.

Palabras veciñas

Romaña, signo de | romance | romancear | romanceiro | romancha | romanchar | romanche