Romaní Blanco, Rodrigo

Romaní Blanco, Rodrigo

Músico, compositor e produtor musical. Director do Conservatorio de Música Tradicional da Universidade Popular de Vigo e profesor de Arpa e Historia da Música Galega no mesmo centro. Desde 2003 coordina o Arquivo Sonoro de Galicia, pertencente ao Consello da Cultura Galega. Comezou a súa carreira vinculado ao movemento musical Voces Ceibes durante a década de 1970, xunto a Antón Seoane, co que formou un dúo. Participou na creación, entre 1976 e 1977, do colectivo Roi Xordo, co que actuou en distintos festivais da época. En 1978 gravou, con Antón Seoane, o disco Milladoiro, que obtivo o Premio da Crítica ese mesmo ano. En 1979 foi un dos impulsores da creación do grupo Milladoiro, no que permaneceu ata o ano 2000. Con este grupo gravou diversos discos, dos que destacan A Galicia de Maeloc (1979), Milladoiro 3 (1982), Castellum Honesti (1989) ou As fadas de estraño nome (1995). Tamén participou na creación da banda sonora de diversos filmes, como La mitad del cielo (1985), de M. Gutiérrez Aragón, ou Divinas Palabras (1987), de J. L. García Sánchez. No ano 2000 iniciou a súa carreira en solitario co seu propio grupo, e lanzou o primeiro disco, Albeida (2000), ao que lle seguiu Cantos Caucanos (2003), en homenaxe a Avilés de Taramancos. Tamén produciu discos doutros grupos e artistas galegos como Susana Seivane ou Treixadura. Recibiu numerosos premios e galardóns como membro do grupo Milladoiro, dos que destacan o Pedrón de Ouro do Padroado Rosalía de Castro (1984), o Premio Goya pola banda sonora de La mitad del cielo (1986), o Premio Indie Award (1992) ou o Premio Galego Egrexio da Fundación Premios da Crítica Galicia (1999). Na súa etapa en solitario recibiu a Vieira de Honra á Calidade Artística (2002) ou o Premio María Casares á Mellor Música Teatral (2002).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Noia