romano -na
(< lat romānu)
-
-
adx
Relativo ou pertencente a Roma ou aos seus habitantes.
-
s
Natural ou habitante de Roma.
-
adx
-
[ETN/HIST]
-
adx
Relativo ou pertencente ao pobo romano.
-
s
Individuo do pobo romano.
-
s
m pl
Pobo de raza indoeuropea que habitaba a cidade de Roma. De procedencia incerta, os testemuños arqueolóxicos proban que, xa desde o s X ao VII a C, sobre os outeiros romanos, se foron formando unhas comunidades que, co tempo, obtiveron unha certa unidade política e participaron das leis do pobo latino. Sábese que, de entre todas as comunidades, Alba exerceu a supremacía ata que foi derrotada por Roma, que pasou a ostentar a hexemonía da Liga Latina. Séculos máis tarde, cando a urbe se converteu en imperio, convertéronse en romanos os habitantes de Roma e tamén todos os habitantes das terras que esta conquistou.
-
adx
-
-
adx
Relativo ou pertencente aos territorios do Imperio Romano ou aos seus habitantes.
-
s
Natural ou habitante dos territorios do Imperio Romano.
-
arte romana
[ARTE]
Arte propia de Roma que xurdiu entre os s II e I a C e que se estendeu por todo o territorio do imperio. Foi froito das asimilacións etruscas, gregas e orientais que transformaron en función das súas necesidades. Foi unha arte funcional, preocupada máis polos aspectos prácticos e teóricos que polos estéticos. Deste xeito, os romanos desenvolveron unha planificación urbana baseada na regularidade e na simetría, combinaron a estrutura grega arquitrabada co emprego de arcos e bóvedas tomados dos etruscos e desenvolveron novas técnicas construtivas, os opus, baseados no emprego do ladrillo cocido nas súas diversas formas e tamaños, ademais do emprego do formigón. O centro das cidades estaba ocupado polo foro no que se situaban os edificios públicos, que acadaron tipoloxías diversas segundo a súa funcionalidade. A basílica, que servía de centro de reunións, tribunal ou lonxa, tiña planta rectangular dividida en naves. O templo romano foi erixido, segundo a tradición etrusca, sobre un podio e cunha escalinata que daba acceso a un pórtico e á cela, e segundo a grega, adaptando a forma períptera, como a Maison Carrée de Nimes ou a da Fortuna Virile en Roma. Pero tamén se adaptou a planta circular (Panteón de Roma). Os romanos crearon edificios propios para os espectáculos como os anfiteatros (Coliseo de Roma); teatros e circos (Circo Máximo, Roma); deportivos, como as termas, que teñen a súa orixe nos gimnasios gregos; conmemorativos, como a columna (Traxano, Roma) e os arcos de triunfo (arco de Tito, Roma); e funerarios, como columbarios e mausoleos como o de Adriano. No eido da enxeñaría destacan as pontes e os acuedutos. A casa tradicional romana era a domus, organizada de forma simétrica ao redor dun atrio rectangular. Xunto a ela atopábanse as vivendas máis populares, as insulae, formadas por diversos pisos. A escultura tivo unha produción abundantísima, en mármore e en bronce. Moi influída pola tradición grega tardía e etrusca, a súa achega máis importante foi o retrato de tendencia realista e relacionado co culto funerario. En época imperial a representación dos emperadores serviu de glorificación e de propaganda. Destaca tamén o relevo histórico, realista e moi detallista, que decoraba monumentos conmemorativos, como o arco de Tito, as columnas de Marco Aurelio e Traxano ou o Ara Pacis de Augusto. Na pintura tamén pesou a tradición helenística e utilizouse, profusamente, o mosaico. A pintura, da que destacan as conservadas en Pompeia e Herculano, evolucionou desde simples representacións de mármores ata á creación de ilusións arquitectónicas e paisaxísticas. O emprego do mosaico é de orixe grega e difundiuse desde a época de Augusto. Representáronse formas vexetais e xeométricas, copias de cadros gregos e pequenas escenas separadas por conxuntos xeométricos. A cerámica tamén tendeu á industrialización (terra sigillata). No s III xurdiu un novo espírito que derivou cara a outras tendencias, a arte do Baixo Imperio (ss IV-V), que en boa parte prefigurou a arte bizantina e en parte a medieval. A arquitectura acadou un tamaño monumental (termas de Caracalla), o mesmo que a escultura, que a partir do s IV volveuse esquemática e abstracta. O peso do cristianismo, que medraba, demandaba novas formas de expresión, e o mosaico, moi rico durante o s IV, foi un dos poucos aspectos que se mantiveron. Co afundimento da estrutura política do imperio en Occidente, só a arte bizantina continuou en certos aspectos a tradición romana. Hispania foi un dos espazos máis romanizados e do que se conservan un gran número de vestixios. Cidades como Empuries, Tarraco, Sagunto e Emerita Augusta acadaron un grande esplendor. Consérvanse murallas en Lugo, Astorga, Barcelona, León e Tarragona. Destacan, entre outras manifestacións, os templos de Augusto en Tarraco e o de Diana en Mérida; o anfiteatro e o teatro de Mérida; as pontes de Mérida e Alcántara (Cáceres); o acueduto de Segovia e o de Los Milagros en Mérida; o arco de Bará en Tarragona, o de Medinaceli en Soria e o de Traxano en Mérida; a torre dos Escipións en Tarragona; e o mausoleo de Centcelles, tamén en Tarragona. En Galicia, ademais das murallas de Lugo, sobresaen a torre de Hércules e o ninfeo cristianizado de Santa Baia de Bóveda. Consérvanse tamén numerosas estelas funerarias, algunha peza escultórica como Dionisio e Ampelos, e mosaicos como o de Batitales (Lugo).
-
cidadanía romana /
[HIST/DER]
Condición xurídica propia dos nacidos na cidade de Roma e que adquiriron despois, gradualmente, os nacidos noutras terras do Imperio Romano. As vantaxes que confería eran a liberación de todos os castigos deshonrosos e o dereito de apelar ao emperador contra unha sentenza.
-
moeda romana NUMIS
[NUMIS]
Sistema monetario propio da antiga Roma. Ademais da primitiva pecunia, cara a 450 a C puideron comezar a empregarse pezas de bronce e cobre (ás). A primeira moeda de prata cuñada en Roma (268? a C ou 217-212 a C) foi o denario de prata, coas súas divisións (sestercio, quinario e outras), que constituíu o patrón monetario ata 46 a C, data en que se introduciron as moedas de ouro de forma regular. A casa de moeda romana estaba instalada no templo de Xuno Moneta, baixo a supervisión dos triunviros. Augusto reservouse o dereito de cuñación e estabilizou e modificou o sistema monetario establecendo a aureus como unidade monetaria. As variacións no sistema non foron substanciais pero destacan algunhas novas pezas como a antoniniana e o solidus. Desde finais do s I non debeu haber casas de moeda romanas en Hispania.
-
relixión romana /
[HIST/RELIX]
Relixión propia dos antigos romanos. O pobo romano, mesturou todo tipo de tradicións autóctonas cos préstamos dos pobos veciños, como os etruscos ou sabinos, e divinizou todas as forzas, tanto as da natureza como as da vida familiar (os lares ou os penates). Algunhas destas forzas divinizadas ou numina chegaron a ser verdadeiros deuses como Saturno, Xano, Xúpiter, Marte, Quirino, Neptuno ou Vulcano. Os deuses da época primitiva non esixían sentimento ningún, só a regularidade nos ritos que eran debidos. Engadíronse outros deuses de orixe diversa, como a Terra Nai ou os dos etruscos, xurdidos dunha fusión entre divindades indíxenas e numina dunha civilización máis desenvolvida, deuses de forma antropomórfica emparentados entre eles en grupos ou tríades (unha tríade etrusca foi a primeira que reinou no Capitolio) que tiñan ao seu servizo unha teoloxía, unha cosmoloxía e unha organización social ben definidas. Os romanos tomaron o esencial: os colexios sacerdotais, as leis reais, o cálculo dos séculos, o calendario, os fastos, os anais dos pontífices, -orixe da historia latina-, a iconografía, a música, as festas e os xogos e espectáculos, xermolo da arte e da literatura. Posteriormente, aos deuses etruscos, uníronse os de Magna Grecia e os de Sicilia, que lle deron un novo contido ás divindades indíxenas. A relixión romana amosouse acolledora cos deuses de procedencia estranxeira ao longo da historia, pero sempre baixo o control dos pontífices que determinaban o emprazamento dos seus santuarios e fixaban o carácter do seu culto. Augusto viu na relixión un dos elementos fundamentais da vida romana e, revestido da dignidade de sumo pontífice, restaurou a práctica oficial nun intento de liberala da superstición que a envolvía.
-
adx
-
-
adx
Relativo ou pertencente á Igrexa de Roma ou á súa liturxia.
-
adx
Relativo ou pertencente á Igrexa Católica.
-
católico romano
[RELIX]
católico.
-
liturxia romana/rito romano
[RELIX]
Rito occidental propio da Igrexa de Roma, que co tempo (ss IX-XI) suplantou os outros ritos occidentais e que practicamente é o único da Igrexa Católica, agás algunhas excepcións, como os ritos ambrosiano en Milán, o gálico en Lyon, o visigodo en Toledo e os diversos ritos orientais conservados polas igrexas uniatas.
-
adx
-
adx e s
[HIST]
Aplícase aos súbditos dos emperadores bizantinos (que se chamaban a si mesmos ‘reis e emperadores de romanos’) denominados así cando se formou o Imperio de Oriente (s VI) como substitución da voz helena de resonancias pagás.
-
[GRÁF]
-
adx
Aplícase á familia de tipos de letra de imprenta en que se distingue o romano antigo, do que destacan o garamond e o elzeviriano; e o romano moderno, do que destacan o bodoni e o normando.
-
adx
Aplícase aos tipos de letra dereita, por oposición á itálica ou cursiva, que é inclinada.
-
adx
-
cifra romana
[HIST/MAT]
Signo gráfico do sistema de numeración decimal utilizado polos antigos romanos e que se emprega aínda nalgúns aspectos da vida cotiá.
-
escola romana
[ARTE]
Escola artística que se desenvolveu en Roma desde comezos do s XVI ao s XVIII. Baixo o impulso preponderante dos papas, Roma converteuse no centro artístico máis destacado do baixo Renacemento e do Barroco. En arquitectura, D. Bramante inaugurou o clasicismo romano. A reedificación de San Pedro do Vaticano, que ocupou no s XVI a Bramante, Rafaello Sanzio, A. da Sangallo o Vello e Michelangelo Buonarroti, e durante o s XVII a Carlo Maderno e Gian Lorenzo Bernini, converteuse na culminación do clasicismo. A actividade de Rafaello e Michelangelo en Roma foi decisiva para o desenvolvemento da corrente manierista. No campo da escultura, destacaron Lorenzetti e Sansovino que mostraron unha arte serena e equilibrada. Formouse unha verdadeira escola de pintura arredor de R. Sanzio, con Il Fattore, Giuliu Pippi, G. da Udine ou Perin del Vaga. Dos cultivadores do estilo de Michelangelo destacan T e F. Zucari, Il Cavalier d’Arpino e F. Fiori. Na segunda metade do s XVI a construción da igrexa do Gesú, por Vignola e Giacomo della Porta, determinou o modelo principal da arquitectura relixiosa manierista e barroca. Durante o s XVII Roma foi o punto de converxencia de artistas de toda Europa. C. Maderno e D. Fontana precederon á xeración dos grandes arquitectos e ao mesmo tempo urbanistas como G. L. Bernini, F. Castelli e P. da Cortona e os seus discípulos C. Rainaldi e C. Fontana. A escultura, aínda que abundante, tivo unha calidade limitada, a excepción da obra de Bernini, A. Algardi e F. Duquesnoy. Porén, a pintura, leal servidora da Contrarreforma, seguiu tres tendencias: a clasicista (N. Poussin, A. Sacchi, C. Marata), a realista (actividade de M. Caravaggio en Roma) e a decorativa (Il Bacicio, G. Lafranco, P. Berretini da Cortona, G. F. Barberi, A. Pozzo). Durante os ss XVIII e XIX foi un dos centros máis activos de Occidente.
-
música romana
[MÚS]
Música desenvolvida en Roma ao longo da súa historia. A música, na Roma antiga, coñécese unicamente a través de descricións. Cara ao 17 a C consta que foi cantado o Carmen saeculare de Horacio. Algúns emperadores, como Calígula, e sobre todo Nerón, foron grandes seguidores do canto. En canto aos instrumentos, algúns tiveron unha gran difusión, como o hydraulos, unha especie de órgano de vento accionado pola presión de auga movida por bombas manuais, ou o lituus, unha trompeta guerreira de orixe etrusca. A música cristiá primitiva presupuña a existencia previa dunha tradición relixiosa musical. O Papa Gregorio I (590-604) deu nome ao canto oficial da igrexa romana (canto gregoriano). Foi célebre a schola cantorum de San Giovanni Laterano. Cara a finais da Idade Media Sisto IV reorganizou a capela pontificia (Capela Sistina) e no s XVI destacou a obra inxente de G. P. da Palestrina no campo da música relixiosa; pouco despois a corte papal acollía a ópera e o oratorio (s XVII), e Roma converteuse nun destacado núcleo tamén no campo da música profana.